Sábado. 27.04.2024
El tiempo

As obras de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e Corcubión comezarán en outubro

Os traballos teñen un prazo de execución de 18 meses
As obras de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e Corcubión comezarán en outubro

Todo está preparado para que nas primeiras semanas de outubro comencen as obras de mellora do sistema de saneamento que a Xunta de Galicia acometerá nos Concellos de Cee e Corcubión. Precisamente onte pola mañá técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria do contrato mantiveron unha reunión de traballo co Concello de Cee para abordar a organización das obras.

Trátase de executar os traballos para solucionar as deficiencias que presentan na actualidade as redes de saneamento municipal de Cee, redundando na mellora da calidade das augas desta ría. O contrato foi adxudicado este verán á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A. e os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses. Estas obras conforman a 1ª fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión e están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 2014-20.

Como será a execución dos traballos

Trátase dunha actuación deseñada por Augas de Galicia a partir dun estudo previo que constatou deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.


Estes problemas severos da rede de saneamento municipal de Cee, ademais de provocar eses vertidos aos ríos, tamén causan que a praia urbana teña habitualmente indicación de prohibición do baño e prexudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar. Para solucionar estes problemas as obras que se van realizar comprenden a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas; a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora. Tamén se habilitarán un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e construirase un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.

Segundo a Xunta de Galicia, "esta actuación, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo".

Augas de Galicia tamén está a redactar o proxecto de construción da nova depuradora, manténdose a aposta autonómica por apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga. Esta intervención da Xunta, correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría. A Xunta continúa prestando apoio técnico e económico aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento,
reforzando as garantías relativas á saúde pública, ao medio natural, á pesca, ao marisqueo ou ao turismo.

Comentarios