Os peques da bisbarra xa teñen as súas clases teóricas de navegación

A Escola de Vela Cataventos de Corcubión puxo en marcha esta semana a sexta edición do programa "O Mar na Escola", coa primeira clase teórica impartida aos alumnos de 3º a 6º de Primaria dos colexios CEIP Santa Eulalia de Dumbría, CEIP Eugenio López de Cee, CEIP Praia de Quenxe de Cee, CEIP Mar de Fóra de Fisterra e CEIP Manuela Rial Mouzo de Cee.

Nesta primeira sesión, que se realizou nos propios centros escolares, diferenciáronse tres grandes bloques. "No primeiro, ofreceuse unha presentación da diversidad dos mares e os océanos, ademais de profundar no coidado, conservación e clasificación das especies mariñas que se poden atopar en nosas rías", explicou a coordinadora da actividade, Noemi Bermúdez de Castro.
Todo iso, acompañado de imaxes e especímenes mariños, como esponjas de mar, corales, crustáceos, moluscos, barbas de ballena, ovos de tiburón e raia, etc...

O segundo bloque centrouse na propia contorna, en relación coa navegación, o vento, as correntes, as mareas e as olas.
Finalmente, no terceiro bloque abordarase a teoría da navegación a vela, partes do barco, nomenclatura náutica, rumbos, etc.

Segundo Noemí Bermúdez de Castro, "os mozos mostraron un gran interese e curiosidade, na medida en que son capaces de ver o lado práctico dos contidos que lles explicamos".

A partir da próxima semana, darán comezo as sesións prácticas nas instalacións do Club Marítimo Carrumeiro, da man dos técnicos da Escola de Vela Cataventos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).