En marcha a Plataforma Stop Desafiuzamentos Costa da Morte
Este mércores 11 de xuño de 2014, ás 11:30h, na praza 8 de marzo estaba convocado o primeiro escrache da Costa da Morte. Finalmente, e como ser habitual neste mundo dos desafiuzamentos, as negociacións van sempre ao límite, como así o denuncia a protagonista de hoxe, que cede o seu caso, o seu nome, a súa loita, para denunciar a política dos bancos con esta problemática social. E de feito, desta volta, o escrache suspendeuse tras un acordo in extremis da afectada co banco.
Xa o ano pasado denunciabamos que ata 4 familias de Cee e Laxe estaban en proceso de expulsión das súas casas. “Son moitos máis”, aseguran. Un ano despois, e tras moitas negociacións, e moita visibilidade por parte das plataformas Stop Desaucios Compostela, Stop Desafiuzamentos Lugo e Stop Desahucios Coruña, a chispa prendeu.
Precisamente coa visibilidade xoga Dolores Rodríguez, nai en paro, que está loitando por manter a súa casa. Está formando ademais a Plataforma Desahucios Costa da Morte, coa intención de que “a xente saiba o que hai”. Ela leva 5 anos negociando co banco, con ata 8 suspensións das negociacións, pero “o que parecía imposible foise conseguindo”, asegura. “Estamos chegando ao punto e final, que debería ser a suspensión da subasta programada para o vindeiro luns 16 de xuño, unha dación en pago, un aluguer social e a posibilidade dunha posible recompra. Esas son as miñas condicións, e se non, sairá á voz pública, polo que se hoxe non chega unha carta firmada do banco comprometéndose con estas condicións, o escrache sairá á rúa”, denuncia Rodríguez, que nos conta como finalmente ese acordo do banco chegou arredor das 10:30h e o escrache puido ser suspendido.
A loita segue en marcha, pois son varias as familias afectadas, que aínda non queren utilizar a voz pública que, como vemos, neste caso funcionou, para defender o dereito á vivenda e a un medio de vida.
Creación da Plataforma Stop Desafiuzamentos Costa da Morte
"Queremos constituír a Plataforma Stop Desafiuzamentos Costa da Morte coa intención de que a xente teña conciencia de que non podemos ter vergoña social, de que, sabendo que é duro, hai que facelo, hai que denuncialo, hai que saltar barreiras e denucialo publicamente, contando con apoios e asesoramento, pois é o único xeito de que lles entre o medio", explícanos a combativa Dolores.
En breve estará convocada a Asemblea aberta a todos os que queren participar así como informarse, pero mentres tanto, os afectados xa poden falar con Stop Desahucios Compostela. "Que non esperen ao final, que xa antes de que se aprobe o desafiuzamento se pode parar a subasta", anima Dolores, que apunta que ademais, estas Plataformas non se adican só aos desafiuzamentos, senón que asesoran en todo o que teña que ver cos abusos dos bancos en momentos de crise.
Novas relacionadas
- 2013: Ondada de desafiuzamentos en Cee.
- Viki Rivadulla: As uvas da ira e o pan da solidariedade.
- Louzán: Quita.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).