Piden de novo varios pasos de peóns en Estorde

Cruzar en Estorde é un perigo todo o ano, pero no verán a cousa complícase moito máis, tanto pola cantidade de xente que vai á praia, como polo tráfico que pasa por esta estrada sen paso de peóns.
O BNG de Cee leva denunciando anos esta situación e esta semana o deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 ao seu paso polo lugar de Estorde. O representante nacionalista pide á Xunta de Galiza que instale sinais de redución da velocidade e pasos de peóns, advertindo que “só existen sinais de prohibida a velocidade a máis de 70 km/h, e o sinal de poboado de Estorde, mais ningunha que indique propiamente a prohibición da velocidade a menos de 50 Km/h, como noutros tramos urbanos existentes na mesma estrada AC-445”.
"É preciso e urxente dotar de cando menos tres pasos de peóns no tramo da AC-445 entre os puntos quilométricos 5.5 e 6.5, ademais da redución da velocidade cos sinais oportunos, para dotar de máis seguridade aos viandantes que queren ou deben cruzar a estrada, ao igual que se fixo noutros tramos con idéntica necesidade”.
Oscar Insua manifestou que “todo o mundo cre que non se pode esperar a que morra unha persoa, como pasou na Anchoa, para instalar uns pasos de peóns, polo que deben poñelos canto antes", e lembrou que o BNG leva anos reclamando máis seguridade nese tramo de Estorde. “Non sabemos a que espera a Xunta para actuar", indicou o deputado nacionalista.