Venres. 29.03.2024
El tiempo

Unha andaina para non seguir caendo nas fochancas da estrada a Touriñán

Unha andaina para non seguir caendo nas fochancas da estrada a Touriñán
Andaina pola estrada ao Faro Tourinan-Foto-Pablo Alvarez Andaina para esixir o arranxo da estrada ao Faro Touriñán-Foto-Pablo Alvarez

Tras presentar máis de 2.000 sinaturas, os veciños da zona de Nemiña, Frixe, Touriñán… convocaban unha Andaina reivindicativa para este domingo, alzando a voz polo mal estado da estrada que une a Pereira co Faro Touriñán, no Concello de Muxia.

Unhas 150 persoas acodían á chamada de protesta para esixir a todas as administracións dillixencia para solventar un asunto tan sinxelo como unhas fochancas. Un deses asuntos que ás veces se atranca, como os coches ao paso das mesmas.

Tras percorrer o treito entre a Pereira ata a Grixa, en Frixe, tocoulle ler o manifesto a Serxio Domínguez, como veciño den Frixe, onde ten unha casa familiar, máis que como voceiro do BNG de Cee. Un manifesto no que lembra a importancia desta estrada, que nacía para dar servizo ao Faro Touriñán, pero que sempre serve e serviu sempre para dar saída e comunicar entre si as aldeas das parroquias de Lires, Pereiriña, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán ou Bardullas.

Vecinos de Andaina reividincativa pola estrada ao Faro Tourinan-Foto-Pablo Alvarez

Son 11 km de estrada esfolados, “cheo de fochancas, de cunetas cheas de vexetación que impiden unha visión adecuada, e dunha sinalización escasa ou case inexistente, con tan só unhas cantas sinais de advertencia de fauna salvaxe, pero sen límites de velocidade, sen sinais de aviso de curvas perigosas, ou de outras que poidan axudar a unha maior seguridade da vía e de quen a usa”.

Calculan que son preto de 1.000 habitantes que cada día usan a vía, necesaria para usar “servizos tan importantes, imprescindibles e básicos como son o hospital comarcal, as administracións de facenda e seguridade social, o xulgado ou o rexistro da propiedade, todos eles sitos en Cee e Corcubión, ou mesmamente para algo tan cotiá como pode ser ir ao traballo ou facer a compra diaria nas tendas e supermercados de referencia, sen esquecer calquera outro trámite que calquera veciño teña que facer no seu concello, ben sexa en Muxía ou en Cee”.

Non esquecen a importancia económica que ten tamén o Cabo Touriñán para a zona a través do seu tirón turístico, punta máis occidental de Galicia e da España peninsular, sendo ademais o último lugar da Europa Continental na que se pon o sol entre o 24 de marzo e o 24 de abril e desde o 18 de agosto ao 19 de setembro. “Bares, restaurantes, casas de turismo rural, vivendas vacacionais, escolas de deportes acuáticos… son dependentes da estrada, nalgunha medida”.

Por todas estas cousas entenden que “é imprescindible dispor dunha vía de comunicación acorde aos tempos que vivimos, unha estrada onde ir por ela non sexa unha odisea diaria de evitar fochancas e poñer en perigo a viandantes e condutores.

Andaina pola estrada ao Faro Tourinan-Foto-Pablo Alvarez 2

Unha Andaina ao mes

Avisan os veciños que intentarán repetir unha vez ao mes esta Andaina ata acadr o obxectivo de adecentar a estrada. E esixen a todas as administracións, en especial a propietaria da estrada, Portos do Estado-Ministerio de Fomento, que teñan xa en conta a imperiosa necesidade de dar unha solución inmediata ao estado desta estrada, unha vía que se atopa nunhas condicións lamentables.

Piden ademais os veciños “ás corporacións dos concellos de Cee e Muxía, en especial aos seus alcaldes, que sigan dando os pasos precisos, solicitando e tendo as reunións que estimen convintes con Portos do Estado, para acadar o obxectivo que hoxe demandamos”.
Piden “á Xunta da Galicia, que é quen nomea ao presidente, que interceda ante o goberno do estado, para facerlle ver da urxencia de acometer unha obra imprescindible e dar unha solución rápida ao estado da vía”.
E por último, piden a “Portos do Estado (Ministerio de Fomento), que faga as obras precisas para asfaltar e sinalizar adecuadamente a estrada Pereira-Cabo Touriñán e por fin ao estado semiruinoso no que se atopa”.

Veremos se teñen a ben escoitar as esixencias, máis que razonables, dun milleiro de veciños.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios