Piden a recuperación da senlleira Feira do Libro de Cee
Mentres en Carballo gozan da máxica semana da Praza dos Libros, por Cee algún lembran aquela Feira do Libro que foi un referente literario na comarca durante moitos anos. Aquela Feira que dende o 1988 estivo durante 20 anos enchendo de cultura a vila da Xunqueira, traendo numerosos persoeiros da literatura teñen pasado polas distintas edicións, desde Xosé Neira Vilas e Avilés de Taramancos, até os locais Miro e Rafa Vilar, Concha Blanco e María Canosa ou os irmáns Creus.
Por iso, dende o BNG de Cee, que lembran que foi impulsada polo seu edil Pepe Cañizo, piden que se recupere. “A feira do libro de Cee era agardada polos amantes da literatura, e pola veciñanza de Cee, durante todo o ano, e facía parte importante dos numerosos actos festivos e culturais que cada agosto se dan na nosa vila. Unha decisión pouco afortunada fai uns anos, fixo que se deixase de celebrar, polo que consideramos que neste 2026 e dadas as circunstancias sociais e económicas, é o momento axeitado para recuperar o que nunca se tivo que ter perdido”, declarou Serxio Domínguez Louro, portavoz do Bng de Cee.
O grupo deu entrada por rexistro, a unha petición a alcaldia e a propia concelleira de cultura para que a Feira do Libro de Cee sexa recuperada no agosto deste ano.


