Volveu a vida cultural a Cee cos actos arredor de Domingo Antonio de Andrade

Acto arredor dos Domingo Antonio de Andrade-Foto-Rafa Quintáns

González Formoso destaca a contribución á arte galega de Domingo Antonio de Andrade, “un ceense universal” O presidente da Deputación asistiu hoxe en Cee ao homenaxe ao arquitecto, figura clave do barroco en Galicia, ao que se lle dedica o Día das Artes Galegas “Se o barroco ten un nome propio en Galicia é o de Domingo de Andrade”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que destacou a impronta do arquitecto en boa parte da xeografía galega.

Arrincou onte o programa cultural do Concello de Cee arredor de Domingo Antonio de Andrade, aproveitando que a Real Academia de Belas de Artes lle dedica este ano o Día das Artes Galegas. Despois da ofrenda floral, tivo lugar un espectáculo Barrococó, Rilo&Penadique, para dar paso á inauguración, na sala de exposición da Casa da Cultura, da exposición “Domingo de Andrade, un arquitecto universal”.

Unha fermosa ocasión para retomar os actos culturais na vila da Xunqueira e celebrar o ano do “ceense universal”, unha das figuras máis importantes do barroco en Galicia.

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, acompañou ao presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e ao da Deputación, Valentín González Formoso na ofrenda floral fronte ao monolito.

Durante os discursos lembraron obras do arquitecto como a Torre da Berenguela da Catedral de Santiago “que durante séculos serviu co singular son das súas campás como un faro en terra para guiar aos peregrinos que completaban o seu camiño” ou as icónicas escaleiras de caracol de Santo Domingo de Bonaval, “que semellan flotar no aire e que, 320 anos despois da súa construción, seguen asombrando ao mundo pola súa beleza e virtuosismo técnico”.
E non esqueceron a sacristía e a sala capitular da Catedral de Lugo, a capela do Rosario no Mosteiro de Sobrado ou o retablo maior da Virxe da Barca de Muxía, que se perdeu no incendio do santuario en 2013.

O presidente da Deputación destacou o importante papel que desempeñou a vila de Cee para reivindicar a figura do que, xunto co fliántropo Fernando Blanco de Lema, é un dos seus fillos máis ilustres.

Máis actividades

Os días 19, 20 e 21 de xuño, ás 21.00 horas, hai un Ciclo de Conferencias no Auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura.
O venres 19, o arquitecto Juan Creus Andrade trae “Intensa destreza. Algunhas notas sobre a obra de Domingo Antonio de Andrade”.
O sábado 20, o profesor de xeografía e historia no I.E.S. de Sanxenxo, Antonio Leis Castro, falará sobre “o mestre do barroco galego.
E domingo 21, o propio Víctor M. Castiñeira, recuperará algúns Apuntes históricos sobre Andrade e a vila de Cee, que podedes ver na serie que aquí abaixo recollemos.

Novas relacionadas

Artigos de José Ramón Senra Rey

Especial Domingo Antonio de Andrade, por Víctor Castiñeira