Luns. 28.09.2020
El tiempo

Cee volve a lembrar a un dos seus fillos máis ilustres, Domingo Antonio de Andrade

Portada do libro de Mayan sobre Domingo Antonio de Andrade
Portada do libro de Mayan sobre Domingo Antonio de Andrade
Cee volve a lembrar a un dos seus fillos máis ilustres, Domingo Antonio de Andrade
A Real Academia Galega de Belas Artes, na Sesión celebrada o 29 de xuño de 2019, decidía por aclamación, e tras unha proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia, homenaxear ao longo do 2020, e en especial, dedicar o Día das Artes Galegas (1 de abril) ao arquitecto Domingo Antonio de Andrade, nado en 1639 na vila de Cee.

A situación da crise sanitaria ocasionada pola pandemia do Covid-19 provocou a cancelación e aprazamento de moitas celebracións, tal como aconteceu co Día das Artes Galegas de 2020. Con esta nova “normalidade” que estamos a vivir, o Concello de Cee decidiu organizar, neste mes de xuño, un ciclo de conferencias e dúas exposicións, entre outras manifestacións culturais, co obxectivo de homenaxear e divulgar a figura e traballo do mestre do barroco galego entre a veciñanza.

Con motivo do terceiro centenario do pasamento de Domingo Antonio de Andrade, escribín un artigo no xornal La Voz de Galicia (19 de outubro de 2012) que levaba por título “Cee descubriu a Domingo Antonio de Andrade no 1941”, no cal mencionaba os actos ou manifestacións máis salientables, acontecidos na súa vila natal, para lembrar a figura de tan insigne artista, que culminarían co dun monumento e coa atribución do seu nome a unha rúa da vila en agosto de 1990.

Expoñía no citado artigo, que o primeiro investigador que deixou por escrito a orixe ceense do arquitecto da torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela, foi o profesor de Historia de Arte da Universidade compostelá, Sebastián González García-Pan, nun artigo publicado en 1935 na revista “Archivo Español de Arte y Arquelogía”, no que di: “Domingo Antonio de Andrade nació en la villa de Cée (hoy provincia de La Coruña) hacia el año de 1639. Desconócese el nombre de sus padres y de su familia, tan sólo hay noticia de un hermano mayor llamado Antonio, también nacido en Cee”. Continuando nesa mesma liña de investigación e estudo sobre o mestre do barroco galego, atoparémonos co académico de historia, Jesús Carro García.

Pero será o historiador ceense, Francisco Mayán Fernández coas súas investigacións, mentres exercía de profesor de Historia no Colexio da Fundación “Fernando Blanco”, o que chegaría á conclusión definitiva da orixe ceense de Domingo Antonio de Andrade, grazas ao estudo do fondo documental do Arquivo Parroquial de Cee. Será nun artigo “El arte en Galicia. La Exposición de Compostela”, publicado o sábado 30 de agosto de 1941 no xornal “El Ideal Gallego”, a primeira vez que o doutor Mayán fai públicas as súas pescudas sobre as raíces ceenses de Andrade, no cal revela que: “He examinado minuciosa y detenidamente los libros del Archivo Parroquial de Cée y –por mi humilde esfuerzo- ya no se ignorará en adelante, como se ignoraba hasta ahora, el nombre del padre del insigne artista del barroco, pues he encontrado su partida de defunción: se llamaba, como el arquitecto, Domingo López de Andrade, y falleció, el día 4 de junio de 1664, en la villa de Cée, de donde es tambien natural el artista”. Nese mesmo ano, publica a obra “Los Franceses en Cee”, no cal transcribe na páxina 55 (nota 65) a carta de agradecemento de Jesús Carro García, por facerlle saber que o mestre Andrade fixera un retablo para o altar maior da Igrexa de Cee.

Na sesión ordinaria do 6 de setembro de 1941, a proposta do alcalde-presidente, Alfonso Castro Rial, e de maneira unánime, a Comisión xestora acorda dar o no nome de Praciña de Domingo Antonio de Andrade á que nese momento levaba o nome de Recheo; non obstante, nin na veciñanza nin a nivel oficial o cambio de nome xurdiu efecto, xa que este acordo da Corporación quedou no esquecemento.

Na segunda metade da década dos 70, o mestre do barroco volverá a ser recordado no seu pobo natal a través da Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, constituída por don Antonino Castro García, párroco de Cee, e un grupo de xente nova. Agrupación que, ao longo da súa existencia, resultou ser de gran importancia para a dinamización sociocultural do Concello.

No pregón das festas da Xunqueira do ano 1985 o cronista oficial do Concello de Cee, Baldomero Cores Trasmonte, volve de lembrar a figura do arquitecto e pide que “lle fagamos un monumento...e lle adiquémo-lo novo Recheo, que podería chamarse así: Recheo de Domingo Antonio de Andrade”.

O desexo de Cores verase cumprido o sábado 11 de agosto de 1990, xa que coincidindo coa homenaxe polo 350 aniversario do nacemento de Andrade, unha Comisión constituída para conmemorar tal efeméride, e tendo como presidente de honra a Francisco Mayán Fernández, logra erixir un monumento a carón da casa consistorial; ademais de acadar que a Corporación do Concello de Cee aprobase dar o nome de Domingo Antonio de Andrade a unha das rúas principais da Vila, nome que esta vez si, vai a perdurar ata os tempos actuais. O acto do descubrimento da placa da rúa realizarase o mesmo día que o da inauguración da escultura.

pequena mostra de publicacións sobre Andrade da Biblioteca de Cee
Pequena mostra de publicacións sobre Andrade, que forman parte do Fondo Local da Biblioteca Pública "Francisco Mayán" do Concello de Cee

A Concellería de Cultura, Educación e Deportes do Concello de Cee, en outubro e novembro de 2012, organizou un programa de actos para conmemorar o “tricentenario do pasamento do artista” (12 de novembro de 1712) con diversas actividades.

Este ano de 2020 o artista homenaxeado no Día das Artes Galegas é Domingo Antonio de Andrade. Por este motivo, o seu pobo quere volver a lembralo, e farano do 16 ao 21 de xuño cun amplo abano de eventos. Esta programación está dispoñible nas distintas canles de comunicación utilizadas habitualmente polo Concello de Cee.

Pola súa parte, a Real Academia Galega de Belas Artes comunicou que o 12 de novembro deste ano, coincidindo co aniversario da morte do arquitecto, celebrará un acto na catedral de Santiago de Compostela para lembrar a súa figura e o esplendor da súa obra. Asemade, decidiu prorrogar o ano de Domingo Antonio de Andrade para o 2021, confiando facer para entón o acto que tiña programado para o 1 de abril. Aproveito estas letras para lembrar que o Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”, ten a disposición dos usuarios que o desexen, diversos materiais referidos á vida e obra de Domingo Antonio de Andrade, o mestre do barroco galego.

“Galicia está chea de pedras máxicas, pedras sagras, pedras espirituais que receben e dan espírito: cruces de pedra, igrexas, dólmenes, mámoas, casas, castelos....Pedras cheas de Historia. Historia que é a nosa vida do pasado, do presente, forza e impulso para entrar firmes e seguros no futuro. Pedra tamén que recebe e dá arte e inspiración. Dígao senón Domingo Antonio de Andrade coas súas admirables, inspiradas, gráciles obras en pedra, como a Torre do Reloxio da Catedral de Santiago de Compostela, así como o Pórtico Real na Praza da Quintana, a Sacristía do Cabildo, a Casa da Parra, e tantas outras estupendas e artísticas construccións... Non esquezamos sobre todo o sentimento aéreo, barroco, frutal deste esgrevio ceense nas súas obras arquitectonicas. As formas cupuliformes, os pináculos, as bolas, as cartelas, os mútilos, as carátulas e tantos detalles ornamentais que el introduce son unha maneira de converter o macizo da materia pétrea en vexetación e canto inmaterial que se eleva e nos eleva. Resulta así un verdadeiro bardo de pedra”. (Extracto do pregón das festas da Xunqueira de 1987 que pronunciou Bernardino Graña).

  • José Ramón Rey Senra.- Técnico da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee.

 

Novas relacionadas

Especial Domingo Antonio de Andrade, por Víctor Castiñeira

 

comentarios