Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Costa segue pensando e disfrutando a música

A Costa segue pensando e disfrutando a música

Continuamos inmersos no mes de setembro e a Costa da Morte segue a pensar. A pensar a música, como indica o título destes III Encontros de Filosofía da Costa da Morte, que se desenvolven todas as fins de semanas deste mes.

A pasada semana ergueuse o telón das sesións reflexivas e lúdicas, e se ben non houbo unha asistencia masiva, podemos dicir que para o complicado que é ter resposta neste tipo de actividades, "xuntáronse unhas 30 persoas que xeraron unha intensa comunidade e comunicación durante a fin de semana", coméntanos Javier Turnes, un dos organizadores.

O venres, a gran sorpresa foi a actuación da Real Orquestra Fortuita da Costa da Morte, que sorprendeu na súa presentación oficial cunha proposta tremendamente vangardista.

En canto ó sábado, o espacio incomparable da Terraza do Hórreo, "propiciou unha interesante xornada de debate en torno ás capacidades curativas da música, sobre o seu valor ou non para lograr/axudar á personalidade, á vida, etc", explica Turnes. Neste sentido houbo opinións encontradas acerca do xeito en que a musicoterapia fai uso do elemento sonoro/musical.
Montse Merino, Fernano Palacios (cuxos textos se poden atopar en www.pensaravoces.com/portafolio), Fran Facal e Ana Justo foron as voces que reflexionaron sobre o poder da música para orientar as nosas vidas e a nosa educación.

"Á tarde, fixo que apareceran de novo as voces musicais", repasa Turnes, "o elemento estético e sonoro que propiciou un momento máxico, cando a néboa cubría a ría de Corcubión e dende a Terraza podiamos contemplar ese espectáculo natural acompañados polo piano adaptado e a máquina de escribir de Alejandro Vargas, que nos brindou unha interpretación sonora do seu achegamento á música dende a nenez ata este momento de altura tanto técnica como compositiva como improvisadora no que se atopa este premio nacional da música en Cuba".

E de novo pola noite, a Rofcom tomou de novo o protagonismo, e algúns curiosos (son concertos abertos a todo o público) se achegaron á Terraza para disfrutar dun concerto espectacular.

Segunda semana Pensando a Voces

Completiña chega esta fin de semana do 9 e 10 de setembro, con varias propostas a desenvolver na Terraza do Hotel El Hórreo, en Corcubión. Precisamente o venres 9 de setembro, Francisco Facal, musicoterapeuta e psicólogo, abrirá as sesións ás 18:00h cun Obradoiro no que os asistentes ao curso traballarán a música e a interpretación como acto terapéutico, empregando instrumentos diversos.

Tralo café será o recoñecido filósofo e crítico de arte, Ignacio Castro (que xa participou nos primeiros seminarios sobre Tiqqun), exporá a súa conferencia “Cal é a letra do son?”, intervención na que se reflexionará sobre o sentido sonoro do mundo antes de terse convertido en signo, en nome, en linguaxe.

Xa pola noitiña, arredor das 22:30h, a Terraza abre as súas portas a todo o público para a Discoteca Transferible da man de Daniel Arias (Scream), reputado DJ, que extrae o seu nome en referencia á banda escocesa de Bobby Gillespie, Primal Scream. Empezou a pinchar fai doce anos, ó principio, en bares de Madrid e arredores, sobre todo en Malasaña: La Vía Láctea, Garage Sónico, Tupper Ware, Supergen…

As citas do sábado tamén contarán con grandes pensadores e músicos. J.A. Seoane, (Filósofo do Dereito, UDC), abrirá o día ás 10:30h cunha disertación sobre os elementos legais que interveñen no mundo da composición e a improvisación, a propiedade intelectual das partituras, pezas, etc. De seguido, Luís Miguel Martínez Otero (Doctor en Neurociencias, Universidade de Alicante), coa súa intervención titulada: “¿Qué nos dice el arte sobre el funcionamiento del cerebro?”, este recoñecido investigador falará sobre o que ocorre no noso cerebro cando escoltamos música.

Despois de comer, o coloquio “Música e ciencia”, procurará –dun modo dialogado no que intervirán todos os poñentes da xornada- trazar as cercanías e distancias entre o mundo da ciencia e o mundo da música.

Será un bo momento, arredor das 19:00h para ver a Lar Legido en acción. O polivalente e excéntrico músico (batería na ROFCOM e todo un show en si mesmo) reabrirá o espacio máis lúdico dos encontros, o coñecido baterista realizará unha charla concerto en relación coa importancia do xogo para a música.
E coma todos os sábados deste mes, será a propia ROFCOM quen peche coa súa música esta segunda fin de semana que promete ser dun gran calado tanto filosófico coma musical. Ambas citas son abertas ao público na Terraza de El Hórreo.

Unha ca ROFCOM

E da man de El sur se mueve, deixámosvos cunhas escenas da ROFCOM na súa presentación:

02-09-11 ROFCOM "IUCUNDA VERITAS" #1 from el sur se mueve on Vimeo.

Máis información

Toda a información relativa ó programa, aos prazos de matrícula, aos custos e mesmo ao aloxamento, poden atoparse na web:

Novas sobre os III Seminarios de Fisolofía da Costa da Morte

Novas relacionadas

Artigos de Javier Turnes en "A Escarpadura"

Outras novas

Fonte

Comentarios