Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Carlos Callón presenta en Corcubión O Libro Negro da Lingua Galega

LNLG Corcubión copia
Carlos Callón presenta en Corcubión O Libro Negro da Lingua Galega

A Univerdade Popular de Corcubión dentro do ciclo de actividades culturais e programación anual presentará o vindeiro luns 10 de Abril, O libro negro da lingua galega do autor Carlos Callón.

O acto celebrarase no local da asociación na Avda. da Viña, 10 ás 20h e será presentado polo profesor e escritor de Corcubión Serxio Iglesias e intervirá o propio autor do libro.
O libro negro da lingua galega, por primeira vez, céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos.
Nas súas páxinas abórdase a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por "hablar al público en gallego» e das inspeccións por «exagerado acento gallego". Revoltase coa profanación da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizaren o nome e publicanse regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no século XVIII. Detense na negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616. Descrebe como o director da Real Biblioteca española no Setecentos decidiu non imprimir as "Cantigas de Santa María" por achar «extravagancia y mal gusto» a poesía en galego. As queimas de libros e mesmo nos abraiamos ao saber que millares de cartas do padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico ou o caso do taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotulaba "Rianjo" no seu vehículo e lembramos que en 1980 o Ministerio de Educación expedientaba e exhortaba a «repudiar» o profesorado que ensinaba en galego sen cobertura legal.
Pretende este libro debruzar sobre estas e outras 1001 noites de pedra para así podermos entender como chegamos até aquí e como podemos gañar o futuro para a lingua que nos une.

Comentarios