Corcubión licita obras na Capela no Pilar e unha auditoría da rede de augas
O Concello de Corcubión vén de anunciar que rematou o proceso de licitación de dúas obras e unha auditoría da rede de augas. O estudo sobre a calidade das canalizacións de augas xa comezou e conta cunha axuda económica de Augas de Galiza de 6.000 euros, aos que hai que sumar 1.500 euros que aporta o Concello.
As obras, subvencionadas na súa meirande parte pola Xunta, consisten en melloras na Capela do Pilar e na contorna do Campo de San Antonio.
Na Capela do Pilar, o proxecto recolle a construción dun chan radiante con bomba de calor, novas instalacións de electricidade e alumeado, cambio da porta de entrada e arranxo de desprendementos que hai na cúpula. Estas actuacións suporán unha contía de 70.326 euros, subvencionado nun 90% pola Xunta de Galiza e o restante corre a cargo do Concello.
En canto ás melloras proxectadas na contorna do Campo de San Antonio, están previstos cambios no pavimento e das escaleiras que hai no lugar, ademais da colocación de pasamáns e unha nova configuración dos xardíns. As obras están valoradas en 60.458 euros. Neste caso, a Axencia Galega de Turismo aporta 50.000 euros, e as arcas municipais 10.458.