Venres. 19.04.2024
El tiempo

Corcubión rexeita o desmatelamento do seu Partido Xudicial

Corcubión rexeita o desmatelamento do seu Partido Xudicial

Xa está en marcha, de feito hoxe foi aprobado no Consello de Ministros, un decreto do Goberno español polo cal pretende reducir o número de Partidos Xudiciais en case que a metade. E por suposto dous dos que previsiblemente serían suprimidos serán os de Corcubión e os de Muros.
Xa se escoitan os ecos en Ribeira, onde segundo nos contan os compañeiros de Certo, o pleno municipal xa rexeitou o decreto. I é que os rumores (os concellos aínda non teñen notificación oficial) sinalan que cos recortes quedarían só 4 cabezas de partido (parece que ser que os xulgados en si polo momento se manterían activos) en toda a Provincia. Estes serían os de Santiago, Coruña, Ferrol, e o 4º pode que sexa Noia ou Riberia.

Os primeiros na zona en amosar o rexeitamento son os responsables do Concello de Corcubión. O equipo de goberno municipal quere "deixar patente o seu rotundo e decidido rexeitamento á perda deste servizo para Corcubión e todo o territorio do seu partido xudicial". Así nolo confirmaba José Antonio Louro Pais, Concelleiro corcubionés que "rexeitamos este novo recorte sen sentido pensando nos veciños de Corcubión, pero tamén nos de toda a bisbarra, pois estamos a falar, unha vez máis, de alonxar as administracións xudiciais á veciñanza. Estamos coa mesma, en vez de favorecer as zonas periféricas, seguimos centralizando servizos nas cidades".

Louro destaca ademais que "sería un pao económico para o Concello e para a zona. Moitos procuradores xa non lles sería rentable ir ata Ribeira. En todo caso tería máis sentido que nos adheriran ao da Coruña, pero sempre defenderemos o mantemento da Cabeza de Partido aquí".

Louro sinala que ademais de facer esta denuncia pública van levalo a través dunha "moción ao pleno para instar á Xunta e a Deputación a que defendan ante o Goberno Central o mantemento do Partido Xudicial de Corcubión".
Non quedarán os movementos do Concello que pensan "facer un chamamento aos alcaldes da zona para unirse e facer forza política".

Máis recortes

Dende o concello corcubionés laméntanse dos recortes: "É triste ter que recordar, para non perder o norte neste tempo de confusión, desconcerto e improvisación, que as administracións son peza fundamental na prestación de servizos aos cidadáns nun estado moderno e democrático. E o poder xudicial, xunto co executivo e lexislativo, son piares fundamentais dun estado social e de dereito, como recolle a constitucións española".

E van máis alá: "En contra do que se podería supor pola constante redución de postos de traballo nas administracións públicas nos últimos tempos, o noso país dispón dun ratio de traballadores da administración por habitante inferior á media doutros, como os paises nórdicos, que presentan economías saneadas e uns índices de benestar social modélicos no planeta".
"Se é preciso recortar gasto que se faga naquilo realmente innecesario ou improdutivo, mais en ningún caso desmantelando servizos básicos. A administración non pode ser a que pague os pratos rotos da actual situación económica. Un estado de dereito non existe sen unha administración de xustiza moderna, áxil e democrática", apuntan.

Máis información

Fonte

Comentarios