ELECCIÓNS
Unha nova candidatura para recuperar o liderazgo de Corcubión
Ademais dos PSdG, BNG, PP e PACOR, as eleccións municipais de 2019 de Corcubión pode que teñan unha nova papeleta. Aínda están por determinar as siglas, pero moitas das bases xa semellan formuladas.
Está no forno a presentación dunha nova candidatura en Corcubión. Xa é tarde para crear un partido político, polo que nos queda a posibilidade de actuar baixo algún partido, un paraugas que non está nin moito menos definido, pero que tería que deixarnos absoluta independencia para tomar decisións sobre o que necesita Corcubión”.
O que fala é Alfredo González, o promotor desta iniciativa, “progresista, pois naturalmente en Vox non imos caer, e con ideas do día de hoxe, inclusivas”, resalta. Un home con ampla experiencia política, pois foi primeiro teniente de alcalde e durante moito tempo alcalde en funcións nos tempos do BNG de Rafael Mouzo. “Eran outros tempos, e era outro tipo de xente a que estaba, e foi algo moi bonito”, sinala”. Pero “16 anos despois o mundo dou moitas voltas, o mundo cambia e a visión del tamén debe cambiar. Hai novos retos que hai que afrontar”, explica.
E dá algunha pincelada, sen querer facer ferida, das razóns para o posible nacemento desta nova candidatura. “Nestes momentos, o liderazgo de Corcubión é moi débil, e queremos fortalecer o goberno municipal para levar adiante unha serie de plans de futuro”, explica.
Unha candidatura “inclusiva”
Deixa para a próxima entrega o grupo de traballo co que está perfilando a lista, pero xa avanza que queren “xente que aporte, que aporte ideas, para poder elaborar un programa e facer un plan de futuro”. Consciente de que “na zona hai problemas en toda a zona para xuntar xente para conseguir unha lista. Pero por que? Porque hai un recelo moi negativo da política ou se é que os grupos políticos non nos ofrecen unha proposta á que queiramos sumarnos? Eu confío en que sexa a segunda, e que que con esta proposta consigamos mobilizar boa parte dese Corcubión que agora está en silencio”.
”Queremos darlle aos veciños e veciñas dunha candidatura distinta, para que poida depositar a súa confianza de cara aos próximos 4 anos. E querémolo facendo unha política inclusiva, que teña en conta as opinións e movementos e que ninguén se quede atrás”.
Turismo e maiores, como eixes
”Corcubión necesita un novo impulso e uns plans claros para o seu desenvolmemento, tanto en materia cultural como material. Plans para deseñar algo que deteña o proceso de caída libre demográfica e impulse o seu potencial comercial e de servizos. E aí, o turismo ten que ser unha peza fundamental na que basearnos”, explica.
”Outro tema importante é analizar o futuro dos nosos maiores, que somos nós mesmos dentro duns anos, para que non quedemos abandonados”, apunta. “En definitiva, temos que mobilizar actores económicos, culturais, políticos, ecolóxico-medioambitenais, para, en clave de sostibilidade, facer un plan de políticas públicas que vaian marcando cada un dos obxectivos, para logar que todos esteamos incluídos”.