O BNG reixeta os orzamentos de Corcubión
Estaba sendo unha lexislatura bastante tranquila esta en Corcubión. Cun goberno con pouco marxe de acción ante a falta de cartos e de iniciativa, e unha oposición bastante tranquila, mesmo apoiando ao goberno nalgunha ocasión. Parece que se rompiu esa estabilidade co voto en contra do BNG sobre os orzamentos municipais do 2016.
Non aprobou tampouco o grupo opositor a dedicación para a teniente alcaldesa, e argumenta que vota en contra das dúas iniciativas ante a “clara falta de iniciativa e de proxecto político para o pobo por parte do goberno municipal”. Denuncia o BNG que “non é de recibo cun goberno en clara minoría pretenda sacar adiante unhas contas coma si tivese maioría absoluta”, e pide un “proxecto político”.
Como feitos da falta de proxecto, sinalan que durante as festas “víronse desbordados en tarefas tan básicas e importantes nesta época de afluencia turística como a limpeza, adecentamento urbano, xardíns, mobilidade, etc.”
Recordan que na anterior lexislatura deron unha oportunidade aos orzamentos coa súa abstención, pero desta volta non queren apoiar uns “orzamentos máis continuistas”. Apuntan á posible perda de créditos da deputación, “apesar de estar o alcalde con adicación exclusiva como asesor na deputación”. Piden máis “apoio o sector económico e turístico do pobo”, e critican o “desinterese polo camiño, polo patrimonio histórico e cultural”.
Ademais sinalan que nos orzamentos existen “partidas escuras e de despilfarro que por sí mesmas xustificarían o voto contrario, como as altísimas facturas de alumeado público (+ de 6.000 € nos últimos 2 meses de difícil xustificación) e os gastos que se siguen xerando pola contratación externa dun arquitecto”.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).