O pleno de Corcubión aproba unha moción veciñal para a xestión directa da cociña do colexio
Onte foi aprobada por unanimidade no pleno de Corcubión a moción que presentou e defendeu, estreando a Normativa de Participación Cidadá do Concello, a ANPA Alén. Os seus dous representantes, Quique Portela (Presidente) e Alexandre López (vogal), fixeron unha exposición dos motivos para presentar unha iniciativa para instalar unha cociña no CEIP Praia de Quenxe. Quixeron deste xeito atender as queixas das familias pola mellorable calidade do actual comedor, xa que na súa opinión o sistema de catering non é o máis idóneo para este Colexio mentres que unha cociña de Xestión Directa resolvería moitos dos problemas que van xurdindo.
Ademais, a cociña propia, en opinión da Anpa, e así recoñeceron todos os grupos políticos, sería un aliciente e un atractivo máis para potenciar o Colexio corcubionés e así aumentar a matriculación.
Como nos comentan os promotores da ANPA, trátase dun “xesto político”, pero son conscientes de que se trata dunha “carreira de fondo”. Co apoio da Dirección do centro, será necesaria a aportación da Consellería de Educación para facer da moción unha realidade, e dende a ANPA esperan que o Concello tome a iniciativa.
Novas relacionas
- A ANPA Alén proporá no pleno de Corcubión a instalación dunha cociña de xestión directa para o CEIP Praia de Quenxe.
- ANPA Alén pide unha cociña directa no cole de Quenxe.
- Abril 2015: Corcubión xa se rixe por un Regulamento de Participación Cidadá.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).