sábado. 11.10.2025
El tiempo

Piden pasos de peóns na estrada de Corcubión a Fisterra en Amarela

Lugar da Amarela Corcubion
Na Amarela conflúen na estrada o tráfico rodado, co paso de veciños e peregrinos
Piden pasos de peóns na estrada de Corcubión a Fisterra en Amarela

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a realizar unha auditoría urxente de seguridade viaria no tramo urbano da AC-445 ao seu paso por Corcubión, e implantar medidas de acougado de tráfico como pasos de peóns sobreelevados, lombos redutores de velocidade ou radares pedagóxicos; así como a mellora da sinalización vertical e horizontal para advertir da presenza de peóns e da obriga de reducir a velocidade. 

Entre a batería de propostas do parlamentario nacionalista figura ademais adoptar as medidas que sexan necesarias para mellorar a seguridade no lugar da Amarela (Corcubión), antes de chegar a Estorde, instalando pasos de peóns e sinais de redución da velocidade, ademais de solicitar tamén que se colabore co consistorio corcubionés para garantir a execución de todas as medidas acordadas. Advertiu que nos últimos anos téñense producido varios atropelos, algúns deles con consecuencias moi graves, como o desta semana, onde falecía un viandante ao cruzar no inicio da travesía. 

No tramo de dita estrada que cruza o lugar da Amarela, segundo os nacionalistas a situación é similar, pois non existe un paso de peóns para cruzar a vía, que está limitada a 50Km/h, “mais os vehículos circulan a velocidades superiores, polo que é preciso establecer un paso de cebra, como xa se ten reclamado en Estorde (Cee), ou na Anchoa (Fisterra), lugar este último onde si se puxeron despois de que un veciño fisterrán perdera a vida cruzando a estrada”.

Comentarios