mércores. 15.07.2026
El tiempo

Corcubión propón crear 26 novas vivendas protexidas para revitalizar o seu Casco Histórico e fixar poboación

Paco Peru e Dro coa Conselleira Allgue
O edil Francisco Santiago e o alcalde Xabier Domínguez coa Conselleira Martínez Allegue
Corcubión propón crear 26 novas vivendas protexidas para revitalizar o seu Casco Histórico e fixar poboación

O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, e o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade, Francisco Santiago, mantiveron este mércores 13 de xullono edificio administrativo da Xunta na Coruña unha xuntanza de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a Directora Territorial de Vivenda na Coruña, Begoña Freire, para impulsar a estratexia "Corcubión Habitable".

O goberno municipal de Corcubión trasladou á conselleira que considera como unha prioridade absoluta a Vivenda Pública Protexida, situando a oferta de vivenda pública como o punto de partida irrenunciable para garantir o futuro da vila. O plan operativo prevé a posta en marcha de 26 vivendas de protección pública (VPP), que se dividen na construción urxente de 20 unidades de obra nova nun solar que ofrece o Concello, e na rehabilitación de 6 inmobles municipais situados no edificio dos xulgados.

Para blindar o retorno social deste proxecto, todos os activos quedarían adscritos ao Patrimonio Público do Solo (PPS) municipal, evitando a especulación e facilitando o acceso ao fogar a novos residentes.

Martínez Allegue comunicou ao alcalde que están valorando a proposta municipal, e que existe a posibilidade de solicitar subvencións autonómicas.

Humanización da praza

Así mesmo, o equipo de goberno de Corcubión segue apostando pola Humanización da Praza Castelao, como alicerce complementario para facer habitable o centro histórico. O Concello solicitou á administración autonómica un investimento estratéxico de 250.000 euros. Esta partida destinarase exclusivamente á reforma integral da contorna da Praza Castelao, co obxectivo de transformar este espazo emblemático nunha zona urbana peonil de alta calidade que realce os valores da vila como Ben de Interese Cultural (BIC).

Agra da Ribeira

O goberno local tamén adquire o compromiso coa accesibilidade en Agra da Ribeira. Para elo, trasladou a Martínez Allegue a súa preocupación pola accesibilidade ás vivendas na urbanización Agra da Ribeira. Os representantes municipais incidiron en que o modelo de
humanización de Corcubión debe ser inclusivo, garantindo solucións técnicas que faciliten o día a día da xente maior e das persoas con mobilidade reducida nunha das zonas máis poboadas do municipio.
 

Comentarios