A rapazada do CEIP Praia de Quenxe coñece o Corcubión histórico
Fermosa iniciativa a que están a desenvolver ANPA Alén e o CEIP Praia de Quenxe, coa colaboración do Concello de Corcubión, para que as crianzas coñezan mellor a rica historia e o patrimonio da vila de San Marcos. O proxecto parte da premisa dun roubo dun tesouro en diferentes casas da vila, para a través da investigación ir descubrindo os segredos da súa propia historia.
Collen así o relevo as familias da ANPA da organización do Mercado Medieval de Corcubión, que propuñan realizar activiaddes divulgativas durante todo o ano para transmitir á rapazada a historia, a identidade e a cultura de Corcubión e de toda a Costa.
Así, e dentro dun programa máis amplo que levará ao alumnado do Praia de Quenxe por toda a Costa da Morte, estes días a rapazada de Corcubión tenta resolver o roubo dun tesouro seguindo diferentes pistas por toda a vila. Estas pistas levarán aos case 100 alumnos de infantil e primaria do centro a afondar nos símbolos históricos de Corcubión e a traballar en equipo para seguir garantindo a paz, a seguridade e a liberdade dos habitantes de Corcubión.