Rosalía, Declarada Filla Adoptiva de Corcubión polos peque-concelleir@s
Onte, 23 de febreiro, Galicia celebrou o Día de Rosalía, este ano por primeira vez no que se considera a súa verdadeira data de nacemento, xa que os pasados anos se celebraba o 24 facendo caso á cartilla de nacemento oficial. Foron moitas as celebracións ao longo da comarca arredor deste día rescatado por Concellos e centros de ensino. Pero houbo unha que nos chamou moito a atención.
Para celebrar a efeméride, a ANPA Alén, en colaboración con CEIP Praia de Quenxe e o Concello de Corcubión, organizaba unha peculiar sesión plenaria no salón de plenos. O alumnado de 4° 5° e 6° fixeron de supostos concelleiros para declarar a Rosalía de Castro filla adoptiva de Corcubión a título póstumo.
A “alcaldesa” Aroa e vari@s concelleir@s procedían á lectura da moción, redacatada polo noso Alexandre López, que, por suposto, foi aprobada por unanimidade.
A votación completouse coa actuación de Drok, Xabier Domínguez Traba, que cantou o “Adios ríos, Adiós fontes”; e un poema recitado polo propio López.
Non vai quedar aí a cousa, pois a propia ANPA, facendo valer o Regulamento de Participación Cidadá municipal, presentou por rexistro para que se ratifique en sesión plenaria ordinaria, outorgar a máxima distinción honorífica que pode outorgar o Concello a unha persoa non nativa, e así se declare oficialmente a Rosalía de Castro filla adoptiva de Corcubión a título póstumo.
”A anpa ALÉN quere así educar en democracia. En valores de vangarda, respecto e igualdade que reflicte a personalidade de Rosalía. Máxime nun edificio que foi a escola de moitos veciños e veciñas de Corcubión que forxaron e formaron os adultos que somos hoxe”, explica Álex.
En Santa Comba
Por Santa Comba, fixeron un vídeo de algunhas das lecturas na biblioteca de Poemas de Rosalía de Castro:
En Cabana
A poeta Rosalía de Castro viaxou este mércores, día dedicado á súa figura, ata as instalacións da biblioteca municipal María Baña. A xornada contou con música e poemas en directo de man da Escola Municipal de Teatro.
Acompañada do seu marido, o historiador Manuel Murguía, Rosalía achegouse esta tarde ata as instalacións da biblioteca cabanesa para ofrecer unha mostra do seu poemario ao público local. A caracterización e representación, que correu a cargo da rapazada da Escola Municipal de Teatro, estivo centrada en enxalzar a vida, obra e importancia dunha das nais das Letras Galegas.