Sábado. 18.05.2024
El tiempo

7 centros de ensino reciben axudas para mellorar as súas instalacións

7 centros de ensino reciben axudas para mellorar as súas instalacións
De visita polo IES Ponteceso

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o Instituto de Educación de Secundaria (IES) de Ponteceso, no que se están a realizar obras de mellora.
O proxecto executado neste IES enmárcase no paquete de actuacións de mantemento previsto pola xefatura territorial de Cultura e Educación nas últimas semanas, a través do que se destinaron 118.618 euros para o acondicionamento de sete centros de ensino das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Estas melloras estanse a desenvolver desde finais do mes pasado en colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e Institutos de Educación Secundaria dos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cee e Zas.

Concretamente en Ponteceso, o proxecto de mantemento acometido no centro educativo consistiu na reparación da cuberta da zona dos talleres e do salón de actos, co fin de evitar as filtracións de auga que foran detectadas con anterioridade. Ademais, elimináronse as humidades atopadas nas xuntas de dilatación.
O groso destes traballos levouse a cabo durante o período non lectivo de Semana Santa co fin de minimizar a súa incidencia sobre o desenvolvemento normal da actividade académica. Quedarán rematados nos vindeiros días, segundo os técnicos do departamento autonómico, aínda que a súa evolución virá dada polas condicións meteorolóxicas.

Adecuación das infraestruturas educativas en 5 concellos

Boa parte destes investimentos realizáronse no concello de Carballo, con intervencións en dous centros. No colexio da Gándara-Sofán estase a crear unha nova aula de Infantil e lévanse a cabo as obras necesarias para construír novos despachos de administración, dirección e conserxería. Ademais, en colaboración co concello, que aportará 12.000 euros, crearanse novos baños. No IES Alfredo Brañas tamén se procedeu a reformar a fontanería dos baños para solucionar as deficiencias detectadas. En total, o departamento autonómico destina 52.469 euros a estes proxectos.

Tamén na comarca de Bergantiños, en Malpica consignáronse 9.475 euros para arranxar a perforación do depósito de gasoil do CEIP Milladoiro e para repoñer os canalóns e reparar as goteiras da cuberta do instituto Urbano Lugrís.

Á comarca de Fisterra, Educación destina nesta ocasión 14.847 euros para tres actuacións no IES Fernando Blanco, de Cee. Así, estase a levar a cabo a reforma da cuberta para acabar coas goteiras, adecuouse o ascensor do centro á normativa vixente e reconstruÍse un muro que se derrubara nas últimas semanas.

Por último, no municipio de Zas, na comarca de Soneira, a intervención realizouse no instituto Maximino Romero de Lema para reparar os danos provocados por un temporal na cuberta do centro. A esta actuación destináronse 3.000 euros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta.

Comentarios