77 establecimentos xa promoven 400 paraugas colectivos na rede Paraúgate!


Preto de 400 paraugas colectivos circulan polas rúas de Carballo nestes días de choivas primaverais. A rede Paraúgate!, unha iniciativa pioneira en Galicia, conta xa cun total de 77 empresas adheridas, cando aínda non se cumpriu o primeiro mes da posta en marcha da campaña.
Os empresarios dos sectores do comercio e a hostalería están a demandar masivamente os paraugas verdes cos que a Oficina de Promoción Económica (OPE) pretende fomentar o dinamismo comercial e a mobilidade peonil. A experiencia, concibida inicialmente para o casco urbano, está a chegar tamén a outros puntos no municipio, sobre todo da zona costeira.
Á parte das 77 empresas adheridas, a rede Paraúgate! esténdese tamén a centros de ensino e edificios municipais. O funcionamento, semellante ao bookcrossing, é moi sinxelo: consiste en que os veciños e veciñas poidan coller un paraugas en calquera dos establecementos participantes cando o precisen e deixalo de novo no paraugueiro cando remate para que poida usalo outra persoa.
As empresas interesadas en sumarse á iniciativa poden facer a solicitude correspondente a través do correo electrónico museo@carballo.org ou do número de teléfono 981 709 013. A Oficina de Promoción Económica facilitaralles os paraugas e cartelería propia da iniciativa.
Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Carballo.