A CMAT invita ás empresas a participar na elaboración do Plan de Acción de Turismo da Costa da Morte


A través dunha serie de completas enquisas e dunha serie de reunións, o ente Costa da Morte Asociación Turística, CMAT, está intentando que o sector participe na elaboración dun Plan de Acción de Turismo de Costa da Morte para os próximos anos. Un Plan que conformará a Folla de Ruta que seguirá a asociación en canto ao desenvolvemento de actividades de xestión, posicionamento de marca, creación de produtos turísticos e fortalecemento do sector turístico que contribuirán a un maior crecemento sustentable do sector e un mellor posicionamento do destino.
As enquisas serven, e moito, na fase de análise e diagnóstico. Despois de manter diferentes reunións técnicas con alcaldes, concelleiros e técnicos de turismo, cultura, desenvolvemento local, medio ambiente, dos 17 municipios que conforman o xeodestino Costa da Morte, agora tócalle ao sector dar a súa visión.
Farano de dúas formas, en encontros e a través dunha enquisa.
No mes de maio celebraranse tres encontros público-privados, con representación tanto de concellos como de empresas turísticas, en Carballo, Vimianzo e Cee, nos que trazarán as principais liñas de acción do Plan e os valores de marca de Costa da Morte, entre outros temas de interese.
Ademais, como vía complementaria, e para chegar ao 100% do sector turístico de Costa da Morte, está dispoñible na web da CMAT unha enquisa en liña dirixida ás empresas turísticas da contorna. Esta enquisa estará aberta e dispoñible para as empresas turísticas de Costa da Morte ata o 15 de maio, e desde a CMAT anímase ao sector a participar activamente no desenvolvemento do Plan de Acción. “Canto maior sexa a participación, máis coherentes e representativas serán as conclusións finais e, por tanto, mellor representada estará a visión do sector privado nas accións que se impulsarán desde a CMAT durante os próximos anos”, explican pedindo participación.
Novas relacionadas
- Abirl 18: Empresarios e CMAT propoñen aumentar a zona de mergullo da WAOH Ruote.
- Marzo 18: A CMAT relanza as súas oito experiencias de turismo cultural para esta Semana Santa
- Decembro 17: APCTM e CMAT propoñen potenciar o turismo deportivo.
- Novembro 17: A Deputación e a CMAT levaron os nosos Camiños á feira Fairway 2017:
- Novembro 17: Asinado o convenio que homologará o Camiño dos Faros nunha ruta de Gran Percorrido.
- Maio 17: A CMAT valora un ano e medio de actividades a pesar das carencias
- Febreiro 2017: A APTCM focaliza esforzos nunha Xerencia, na formación e nun mapa xenérico.
- Xaneiro 2017: As caras da Costa da Morte na Fitur.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).