A Deputación da Coruña convoca dous concursos para promocionar o turismo
07:05 02/03/17
O obxectivo é promover un turismo máis participativo nos distintos lugares da provincia
A área de Turismo da Deputación da Coruña vén de poñer en marcha dous concurso co obxectivo de promocionar a oferta dos disintos destinos turísticos da provincia: o I concurso de fotografía turística "93 destinos por descubrir" e o I concurso de Turismo Escolar. Dous concursos, un para público adulto e outro infantil, que contribuirán a promover un turismo máis participativo e consciente ao tempo de difundir os valores dos distintos destinos da provincia.
Nas bases do I concurso de fotografía turística “93 destinos por descubrir” establécese que poderán participar persoas maiores de idade con até un máximo de 6 fotografías. As imaxes terán que reflectir atractivos turísticos como praias, natureza, festas, patrimonio histórico, gastronomía, paisaxes, costumes e, en xeral, calquera aspecto que transmita a riqueza turística da provincia da Coruña. Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Rúa de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte son os xeodestinos en que se realizarán as fotografías. O primeiro premio consiste en 3.000€, o segundo 1.500€ e o terceiro 500 € e a Deputación poderá publicar ou expoñer os traballos premiados, que quedarán da súa propiedade. Admitiranse fotografías en branco e negro ou cor mais non se admitirán imaxes manipuladas dixitalmente con ningún programa de edición fotográfica.
“Os 93 concellos teñen elementos de grande riqueza que constitúen atractivos para intensificar o turismo de calidade que é o que queremos potenciar con este concurso que busca dar a coñecer a nosa riqueza turística e ofrecer propostas para atraer un turismo de calidade e que demore nas posibilidades dos nosos destinos”, sinala o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Concurso escolar
Por outra banda, o programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña terá a partir de agora un concurso vinculado para traballos de redacción e debuxo. Segundo as bases, poderán participar escolares de entre 4 e 16 anos dos centros educativos que teñan realizado unha visita dentro do programa que ofrece as posibilidade de visitar o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo na súa proposta “Testemuñas de Pedra”; o Dolmen de Dombate e o Ecomuseo Forno do Forte en “Ritual e Tradición”, a parte alta do río Mandeo e o Centro de Interpretación de Teixeiro en “Romanos do Mandeo”, as fragas do Eume e o mosteiro de Caaveiro en “O segredo do Eume” e, finalmente, o Pazo de Marián e a súa contorna que inspiraron a Wenceslao Fernández Flórez en “O bosque animado”.
Establécense dúas categorías, unha para educación infantil e primaria e outra para cursos de educación secundaria e os premios reverterán tamén no centro de ensino do alumno ou alumna gañadora que recibirán lotes de xogos e contos infantís ou aparellos electrónicos segundo as modalidades. O prazo de presentación de traballos rematará o 30 de xuño de 2017.
“A nosa experiencia é que a participación dos centros escolares nas visitas turísticas son sempre activas e participativas e con esta iniciativa queremos premiar esa implicación dos centros e o alumnado. Para nós o programa de turismo escolar ten a relevancia de transmitir o interese no patrimonio e nas viaxes desde as primeiras idades e o concurso ven afondar neste obxectivo”, sinala Xosé Regueira.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña