A Deputación presenta en Carballo unha enquisa sobre a infraestructura e os equipamentos municipais
08:08 08/06/17
catalogo-deputacion-carballo
A Deputación da Coruña presento onte en Carballo a enquisa sobre infraestrutura e equipamentos locais promovida polo ente provincial e elaborada por un equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña. Representantes de ámbalas institucións estiveron no Fórum Carballo para participar nunha xuntanza de traballo con representantes políticos e técnicos dos concellos de Bergantiños. A concelleira de Contratación, Seguridade e Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que foi a encargada de presentar o acto, destacou “a utilidade da ferramenta que pon á nosa disposición a Deputación para o traballo diario dos concellos”. Así, Carballo é unha das oito sedes de toda a provincia nas que se está a presentar este traballo.
En representación da Deputación, Paco Freire explicou a orixe da enquisa, que se remonta ao ano 1986, e destacou as “grandes potencialidades” que ten, xa que se trata dunha ferramenta con case 4,5 millóns de rexistros de datos de infraestruturas e equipamentos de todos os concellos da provincia, “perfectamente xeo-referenciados”, dixo. Tamén sinalou que na súa orixe presentouse como un recurso importante para superar os desequilibrios territoriais a nivel estatal e aplicar políticas de cohesión social. Nese sentido engadiu que a enquisa permite, por exemplo, calcular o custo efectivo dos servizos, o que contribuirá á súa racionalización.
Pedro González, pola súa banda, explicou que o obxectivo das presentacións é explicar o funcionamento da plataforma que alberga os datos para que poidan usalos non só os concellos, senón tamén empresas e particulares. A xornada rematou cunha detallada exposición por parte dos técnicos da Universidade da Coruña Carlos Nárdiz, director do equipo; Pablo Regueira, responsable da información xeral de infraestruturas e equipamentos; Joaquín Suárez, do ciclo da auga, e Miguel Luaces, da parte informática.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo