A natureza e o asociacionismo danse da man nas xornadas Abrindo Camiño de Senda Nova
08:09 16/09/16
Jose Manuel Menendez e Marcos Trigo presentaron as xornadas Abrindo Camino de Senda Nova
Senda Nova e o concello de Carballo presentaron onte o programa de actos que a entidade ambiental ten previsto realizar proximamente con motivo do seu décimo aniversario e que se engloban baixo o título Días de Ecoloxía e Patrimonio "Abrindo Camiño" e que serán inauguradas por Xan Fernández Carrera. Unha década de "traballo cos pequenos e pequenas e cos máis maiores" e para crear "un grupo de traballo fantástico" do que estar "orgullosos"; así o manifestou o concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo,durante a presentación.
Grazas á colaboración do concello carballés e de moitas outras entidades, a asociación ambiental prepara esta cita na que se fará reconto de todo o que se ten avanzado na última década, pero tamén unha forma de unir a entidades de Bergantiños e de toda Costa da Morte para seguir afondando no traballo conxunto que o asociacionismo realiza en Carballo e na contorna.
"Abrindo camiño" terá lugar entre o 22 e o 25 de setembro no primeiro andar do mercado municipal de Carballo. As xornadas abren o outono con obradoiros para nenos e nenas, como un no que aprender a distinguir as pegadas dos animais ou outro sobre instrumentos tradicionais; con faladoiros sobre cultura castrexa ou sobre o espazo natural de Baldaio e ornitoloxía; con actividades artísticas como o pintado de muros de cartón sobre medio ambiente con Crea Formas; con presentación de actividades como o próximo Outono en Marcha; e con moitas actuacións musicais, para cativos e cativas con "A música das árbores" e para adultos con grupos como Lembranzas de Bergantiños, Druidas da Rolda, Faíscas da Pontraga ou Caneca e Media de Arume de Berdillo.
O asociacionismo
José Manuel Menéndez, de Senda Nova, quixo subliñar dúas das actividades que terán lugar durante as xornadas. Por un lado, o peso que vai ter nas actividades a potenciación do asociacionismo, cun encontro cunha representación de entidades de Bergantiños e da contorna para buscar novas fórmulas de colaboración e de difundir o traballo realizado, nomeadamente, subliña Menéndez, no caso do medio rural "xa que as entidades son fundamentais na dinamización das parroquias". Por outro, unha exposición permanente no que se recollen os principais obxectivos e labores de Senda Nova, na que haberá un especial espazo para as asociacións, pero tamén para todos os proxectos da entidade.
Así, unha sección dedicarase á mocidade e á Escola Ambiental Senda Nova; outra afondará nos "nosos espazos", a contorna de Carballo na que se organizan encontros para coñecer mellor os nosos bosques, os nosos humidais e a natureza que nos rodea; precisamente "sentindo a natureza" é outro dos apartados da mostra, dedicado a actividades de observación da natureza, como a berrea; Senda Nova tampouco esquece o patrimonio inmaterial, e haberá espazo para os xogos tradicionais ou para as nosas lendas e historias do Inverno Ancestral; outro espazo estará dedicado ás rutas de sendeirismo, un dos sinais de identidade da asociación; o voluntariado, que ten dado froitos como o desenvolvemento de proxectos internacionais, tamén conta co seu lugar; e, por último, o xa mencionado espazo reservado para o asociacionismo.
As actividades están abertas a todos os públicos.
Novas relacionadas
- Xan Fernández Carrera inaugura as xornadas Abrindo Camiño de Senda Nova
- Senda Nova, 10 anos Abrindo o Camiño da ecoloxía e o patrimonio
- Unha expedición de mozos de Senda Nova, de viaxe ambiental a Eslovaquia.
- Máis de 200 persoas participan nas xornadas de Interpretación dos Bosques de Senda Nova.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo