“O colectivo arbitral estamos orgullosísim@s de pertencer á familia do Fútbol da Costa”
- Eugenia Gil Soriano: “Imos darlle a volta e intentemos confiar no traballo que hai detrás nas subdelegacións arbitrais”.
- José Manuel Mato ao colectivo arbitral: “Estades anos luz por diante do resto dos que formamos o Fútbol da Costa”.
- Pablo Prieto: “Á arbitraxe debemos darlle a mesma naturalidade que a un xogador que falla un penalti”.
Interesantísima a xornada formativa, no marco das Xornadas ADN da Real Federación Galega de Fútbol, organizada en Ponteceso polo diario QPC, o Comité Técnico de Árbitros e a subdelegación arbitral da Costa, coa colaboración municipal. O Centro Cultural da vila pondaliana acolleu unha charla pioneira, que incide na vocación desta casa de incluír ao colectivo arbitral como parte intrínseca do noso senlleiro e envexado Fútbol da Costa. Galas, álbumes, partidos solidarios… e tamén estas xornadas incluímos a uns árbitros e árbitras, que deixaron patente que se sinten orgullosísim@s de formar parte da familia do fútbol costeiro.
Mágoa que non houbese unha resposta amable por parte dos clubs, pois apenas 4 (Esteirana, Muros, Corme e Ponteceso) enviaron representación a un acto de conciliación, de achegamento, de unión.
Precisamente nesa liña abría a xornada Alberto Pose. O armadanzas, xunto con Óscar Leis, destas xornadas formativas, puxo a súa experiencia persoal sobre a mesa. “Eu fun un talibán tamén nos bancos. Pero aprendín a entendelos gracias a velo de preto”. “Pon un árbitro na túa vida”, resumiu, incidindo na necesidade de que toda a sociedade vaia cambiando o foco, e pasemos de necesitar gañar a propoñer formar. “Temos que poñernos no lado do outro. Algunha vez nos preguntamos por que ese árbitro me falou asi de mal. Que lle puido ter pasaado para protexerse así?”, apuntou, deixando patente a intención de QPC de visibilizar a situación de vulnerabilidade e soidade que viven os nosos colexiados cando saltan a un campo da Costa e xa reciben insultos antes de empezar o partido.
”O máis importante é facer amigos”
Falou tamén o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, home de fútbol pero xa dende outra perspectiva. “O máis importante é facer amigos”, recalcou, facendo fincapé na necesidade de que as directivas sigan aprendendo, e loubando o papel do colectivo arbitral da comarca. “Estades a anos luz do resto de patas do Fútbol da Costa”, apuntou.
O presidente da RFGF, Pablo Prieto refrendou a súa man tendida para colaborar con entidades como QPC, e deu un apuntamento moi directo: “Á arbitraxe debemos darlle a mesma naturalidade a un xogador que falla un penalti”, un símil moi repetido na sesión.
O vicepresidente do CTGAF Roberto Vázquez Alvite destacou a intención do CTA de “acercar a figura arbitral”. “O CTA está máis aberto que nunca” pero tamén puxo de relevancia que “hai que ser máis comprensivos cun rapaz que crece con gritos de burro, que acaba sendo máis vulnerable. Sexamos embaixadores desa mensaxe de comprensión”.

Unha árbitra internacional
Interesantísima a ponencia de toda unha árbitra internacional como a coruñesa Eugenia Gil Soriano, que se acercaba a Ponteceso recén chegada de facer de cuarto en todo un San Mamés no Atletic-Betis. Eugenia lembrou con moito agarimo os seus partidos no Fútbol da Costa e foi debullando os seus fitos invitando ás rapazas de hoxe en día a perseguir o seu soño. Ela xa cumpliu moitos, pero é consciente de que o seu máis grande, o de ser árbitra de 1ª Div. masculina, se cadra aínda non é posible. Cando menos, como outras fixeron antes, espera poder ser un referente para as rapazas de hoxe en día rompendo algunha barreira máis.
O intenso debate

A parte máis esperada da sesión era a longa mesa de debate, moderada por Óscar Leis (o adestrador do Lira CF é un grandísimo comunicador, que tamén pasou pola súa etapa talibanesca, como lle recordou Marcos Ordóñez). Durante case 2 horas (publicaremos un completo vídeo da mesma) enfrontáronse posturas entre os adestradores e o colectivo arbitral, que serviron para coñecerse mellor, e que invitan ao CTA e á RFGF a facer máis sesións internas deste tipo.
A charla comezaba invitando ao carballés Adrián Pérez Rellán (árbitro Preferente FUTGAL) a contar como se meteu no mundo da arbitraxe. Falaron Paula Noceda (delegada do CD Muros), destacando que aos árbitros costeiros si que se lle coñecen polo nome, non tanto como os santiagueses; e Paula Veiga (xogadora do UC Cee e adestradora de base no UD Cerqueda) quen recoñeceu estar máis tranquila cando está no banquiño.
A xestión dos partidos: respecto mutuo
Pero o debate abriuno Santi Lira. Necesaria a aportación crítica do adestrador dumbriés, que chegaba despois de falar con numerosos compañeiros dos bancos costeiros, para trasladar a sensación que máis doe no seu colectivo: “Moitas veces sentímonos menosprezados por árbitros que se cre superiores a nós. Os adestradores e os xogadores só queremos un trato de ti a ti, non de superioridade”, sinalou unha e outra vez, apoiado tamén dende o público por Fran Figueroa, que chegou a asegurar que nota “falta de empatía” dos colexiados cos adestradores, e que estes moitas veces teñen unha sensación de estar “sós” ante a arbitraxe.
Tanto Pérez Rellán como Gil Soriano ou o propio Manuel Espasandín (subdelegado arbitral) durante o debate aberto, lembraron o complicado que é xestionar un partido ante todas as voces que protestan, sobre todo cando os árbitros e árbitras son persoas novas. “Eu cando era nova tamén marcaba unha barreira máis forte. E os máis novos ás veces teñen que ir medindo”, recoñeceu Eugenia.
Aí tamén fixo un interesante apuntamento Alberto Recarey. O xogador do Ponteceso SD, toda unha institución na comarca, deu razóns sociais á “sobreprotección” que amosan certas persoas árbitras nos partidos. “A sociedade na que vivimos é moi fráxil, e case á mínima sempre tendemos a poñernos á defensiva. Entendo que esa postura de moitos arbitros e árbitras é para protexerse, e para ir cambiando iso temos que ser conscientes de que hai diferentes maneiras de protestar, e creo que nos últimos anos, sobre todo dende a pandemia, a xente nova tende a protexerse máis” e a poñerse esa coiraza, que se vai limando co paso dos anos e da formación da personalidade.
Nesta tesitura os adestradores incidiron na necesidade de que o colectivo se forme na “xestión de partidos”, e en como tomarse as reprimendas. Por un lado os adestradores piden respecto aos colexiados, pero moitas veces non reparan en que os colexiados sofren faltas de respecto dende antes de empezar os partidos.
Nese sentido os colexiados piden máis comprensión e poder falar de ti a ti cos colexiados, mentres os colexiados fan fincapé nos tons. “Cando hai respecto, respóndese con respecto. Pero se me cuestionas 10 veces seguidas… A ti se te pregunta un pai por que tomas cada decisións, como actúas?”, lanzou Eugenia. “Pero nós temos que explicar cada xogada, mesmo as que acertamos. E moitas veces sabemos que fallamos, e hai que aprender a xestionar como afrontalo, é dificil a nivel emocional, e non sabes se se che vai escapar o partido. Podemos pedir perdón unha vez pero non podes estar desculpándoche todo o partido. Son os anos os que che dan eso. Non son o mesmo que hai 10 anos. Para ter unha personalidade fixa teñen que padar 5-10 anos”, deixou claro a colexiada internacional. “Non defendo a mala educación pero imos confiar no traballo que hai detrás das delegacións”, apuntou.
Hai autocrítica?
O adestrador liracho do Dumbría puxo de manifesto as dúbidas dos adestradores sobre se hai autocrítica no colectivo arbitral costeiro.
Saíu Rellán a deixar claro que “aínda que ti non as vexas, non quere dicir que non haia correccións internas. Nós somos os máis críticos con nós mesmos. Se vemos unha xogada complicada ou unha acta con moitas tarxetas somos os primeiros que nos botamos a bronca. Castigos é certo que non hai pero si hai correccións diarias dende Manuel e dende o resto de compañeiros”.
Nese sentido, Manuel Espasandin debullou como son as xornadas formativas semanais de cada vernes. “Falamos de xogadas puntuais, pero sobre todo de xestión dos partidos, o máis importante”. E para iso agora contan coas cámaras. “QPC foi o primeiro que gravou partidos na Costa, pero agora hai cámaras en todos os campos, e permítenos vernos a nós mesmos, que antes non podiamos”. Apuntou que aprovetan esa ferramenta para facer a análise de 2-3 partidos cada semana e notamos que o vemos un venres en común, despois xa non se repite”.
”Dámonos caña”, apuntou Marcos Ordóñez, que ademais incidiu na intención de abrir máis un colectivo históricamente estanco. “Temos que saír a vender o noso traballo”, recoñeceu.

A importancia da Subdelegación da Costa
Reflexionouse tamén na importancia de ter unha subdelegación na Costa, para que vexamos que é “o colectivo arbitral é unha fundamental do noso fútbol”, como se demostrou coa loita das familias dos novos colexiados polo mantemento de Manuel Espasandín como subdelegado.
Destacaron o importante traballo que fai a subdelegación na captación e no apoio para reducir o abandono.

