Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Asinado o convenio que homologará o Camiño dos Faros nunha ruta de Gran Percorrido

Asinado o convenio que homologará o Camiño dos Faros nunha ruta de Gran Percorrido
camino-faros Carlos Tasende e Xosé Regueira asinaron esta tarde no contorno do Faro Vilán o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña O faro vello do Cabo Vilán foi o lugar elixido esta tarde para a sinatura dun convenio a través do cal a Deputación da Coruña financiará o plan de actuación necesarias para a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido. Xosé Regueira - deputado de Turismo da Deputación da Coruña - e Carlos Tasende - presidente da Asociación o Camiño dos Faros -foron os encargados de asinar o acordo nun acto no que estiveron presentes alcaldes e representantes municipais de concellos que atravesa o Camiño dos Faros. Esta sinatura chega despois de se aprobase a medida no pleno da Deputación da Coruña do pasado 25 de outubro. A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o Cabo Vilán e a hora do solpor para rubricar un acordo que suporá o impulso definitivo á ruta que atravesa nove concellos da Coruña nun escenario dunha beleza única. A Deputación da Coruña achega, segundo o convenio, un total de 78.152,00 € - o 80% do total do orzamento que ascende a 97.686, 00€ - para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros - unha petición que xa vén de longo.   sinatura-camino-faros A sinatura tivo lugar esta tarde. Imaxe: Facebook Camiño dos Faros O deputado Xosé Regueira, lembra que desde a área de Turismo da Deputación da Coruña da que é responsábel, “confiouse desde o primeiro momento na fortaleza deste proxecto a nivel turístico e tanto é así que o pasado ano decidiu presentalo en Fitur, un dos máis importantes escaparates do sector, e a partir de aí comezou un periplo administrativo que remata agora coa formalización deste convenio que é fundamental para a súa consolidación, protección e promoción”. Agarda agora Xosé Regueira que “outras administraciónns que van ter que ditaminar sobre a homologación demostren o mesmo grao de compromiso cunha ruta de gran valor turístico, económico e patrimonial”. Aliciente económico Para o deputado de Turismo, o “Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo”. Ademais, Xosé Regueira, recoñece a ruta como un “aliciente económico para unha comarca como a da Costa da Morte que ten potencial mais que precisa insistir na profesionalización do sector e na capatación de recursos foráneos ao territorio”. “O convenio significa que un proxecto que naceu hai cinco anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos nove concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro”, sinalan desde a Asociación o Camiño dos Faros. O obxectivo da entidade é que o “camiño exista formalmente e que o recorra moita xente mais co máximo respecto pola natureza. Nestes anos conseguiuse deseñar un camiño que non existía, promocionalo e que viñera xente de toda Europa en base a traballo social e moito voluntariado”, explican dunha ruta que non dubidan en definir como “espectacular, con moitísima variedade, como asegura a xente que percorre moitos camiños definidos, no Camiño dos Faros hai historia, arte patrimonio, acantilados únicos, natureza singular e unha paisaxe sobrecolledora”. Consideran así que a homologación converterá o Camiño en eixo vertebrador do turismo da comarca. No proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento. O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra polo borde do mar. Atravesa un total de nove concellos da provincia da Coruña: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. O Camiño dos Faros constitúe un patrimonio natural e cultural de gran valor, tanto como recurso turístico como na súa condición e elemento de dinamización socioeconómico. A actividade que financia o proxecto pretende converter a Ruta en Senda de Gran Percorrido (GR), o que mellorará o trazado e seguridade, a difusión mediática e o coñecemento por un maior número de persoas, permitindo unha valorización dun recurso natural do que participan nove concellos da Coruña. representantes-camino-faros No acto da sinatura estiveron presentes representantes dos municipios polos que discorre o Camiño dos Faros  

Novas relacionadas

O primeiro Camiño dos Faros por etapas (2013)

Fonte

Comentarios