Burocracia para as señoras do Mercado


O pasado mes de setembro a Xunta aprobaba un decreto para regular a venda directa de produtos alimentarios. Unha regulación que obriga aos agricultores que venden directamente os seus produtos en prazas e mercados a inscribirse no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA). Máis burocracia para estas señoras e señores que se achegan aos mercados da zona a vender o que cultivan na casa.
Así e todo, poderán seguir vendendo directamente dende a explotación ao consumidor, os seguintes produtos: mel, pole, própole, xelea real, ovos, froitas e froitos silvestres, legumes e hortalizas, cogomelos e cereais, sempre producidos na explotación da persoa vendedora (agás no caso dos cogomelos silvestres), podendo realizar a venda in situ (na propia explotación produtora), en mercados ou a establecementos de venda polo miúdo. Pero non se fala da regulación do pan nin das conservas nin dos licores, algo que preocupa ao sector.
A venda poderana realizar directamente as persoas titulares da explotación ou parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou en establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, sempre que a transacción sexa directamente entre o produtor e o establecemento de venda final, sen intermediarios.
Moita Burocracia e pouca información

Pero ademais de terse que inscribir no REAGA, os agricultores proporcionarán por medio dunha etiqueta a información alimentaria obrigatoria, se ben no caso de vendas “in situ”, como no mercado, a etiqueta non será necesaria e poderá substituírse pola información oral transmitida polo produtor.
Iso si, as explotacións terán levar un rexistro básico en que figuren os datos das vendas, e nos mercados, o produtor ou produtora deberá identificar debidamente o seu posto e os produtos a granel coa información alimentaria, o cal pódese facer dun xeito sinxelo como cun simple rótulo ou cartel. Quen verá á señora Fina cun fermoso cartel que indique “Fina de Caneliñas”…
Pero a todo isto, preguntando polo mercado ceense, as señoras de sempre non saben como vai a cousa. I é que como demanda o Sindicato Labrego Galego, o rural galego necesita que Medio Rural desenvolva unha campaña informativa para rematar coa confusión xerada polo decreto da venda directa.
O SLG recoñece que dende a publicación do decreto, estase a xerar unha grande confusión que entorpece o que debería ser o obxectivo fundamental deste regulamento: facilitar e apoiar ás produtoras e produtores de alimentos en Galicia para que os seus produtos teñan maior presenza nos mercados de venda directa, nos comedores escolares e resto de institucións, nas tendas, etcétera.
O SLG afirma que “traballará para que a nova normativa se dirixa a apoiar a comercialización de alimentos sen intermediarios e non supoña novas cargas burocráticas para as granxas”.

Obras no Mercado de Abastos de Cee
Mentres, sabemos que a Xunta vén de aportar uns 50.000€ para a realización dos traballos de mellora que se están a levar a cabo nas instalacións. Obras que servirán para continuar co proxecto de rehabilitación do edificio iniciado o pasado ano e que estarán concluídas antes do mes de decembro, incluirán a renovación da pavimentación exterior do recinto e a mellora da impermeabilización, co fin de evitar esvaróns, por unha parte, e de filtracións de auga ao inmoble, por outra.
Na Costa da Morte. recibirán estas achegas tres concellos: Camariñas, Cee e A Laracha, que en total contarán con axudas por importe de case 69.500 euros.