Martes. 16.04.2024
El tiempo

Camila Bossa: “As mulleres estamos infrautilizadas no audiovisual”

Camila Bossa: “As mulleres estamos infrautilizadas no audiovisual”

Volveron os #DirectosQPC e fixérono coa actriz galega Camila Bossa. Unha desas facianas do audiovisual galego que levan con nós dende os anos 90, e que son parte da nosa identidade e cultura televisiva.

Aproveitamos para facer un repaso á súa carreira, pasando por practicamente todas as series que forman a historia visual da TVG, dende o seu papel como Lindiña en Mareas Vivas (o seu grande paso ao mundo profesional), pasando pola súa vinculación coa nosa comarca a partir de facer A Mariñeira de Quilmas, ata as súas vindeiras aparicións.

A máis próxima, a que veremos este vernes da man da banda de tryphop galego Aparato que estrea en @aparato_insta o seu novo videoclip, “Who will save me”. O teaser promete, dende logo:

Falamos de moitas cousas, como por exemplo do estado de saúde do audiovisual galego, que mira con esperanza, valorando que a industria galega conseguiu manter vivo unha marea de profesionais do sector durante tantos anos, e destacando a aparición de fitos especialmente importantes, de autorías que están chamando ás portas da produción estatal.

Contounos como chegou a Compostela, como namorou da profesión da súa nai, da nosa (xa súa) lingua, e dese paso durante máis de 20 anos por series tan míticas como As Leis de Celavella, Hospital Real ou Matalobos, un antes e un despois para ficción galega. ”O que máis presta desta profesión é ver medrar o teu personaxe”, explicaba debullando como é formar parte da familia dunha serie.

”As mulleres estamos infrautilizadas”

”A muller está pegando un salto tremendo en todos os aspectos da vida. Pero parece que se bota de menos a presencia de máis papeis para mulleres adultas, que escapen de esteotipos”. De mulleres como a súa heroína María, a protagonista do filme A Mariñeira de Quilmas. “Foi unha honra que me escolleran a min, porque é unha muller tan galega, unha heroína que me fixo moitísima ilusión… e ademais quedei prendada do Pindo, e de Quilmas, e sempre que podo levo xente ata alí”, explicaba con fachenda costeiras.

Novos proxectos en Netflix e no Carballo Interplay

Tivemos tempo para repasar a experiencia de participar na sere “El desorden que dejas”, da plataforma Netflix, e todo o lío de produción que move. Unha serie que se estrea o 11 de decembro.

Pero o máis ilusión nos fai é a presentación de “Xan”, a webserie que verá a luz a vindeira semana no Carballo Interplay, despois de ter gañado a edición do ano pasado co certame de guións de versión orixinal en galego. Camila participa nun dos capítulos (cada un conta unha historia) e temos moitas gañas de vela en acción.

E como colofón, un pequeno agasallo falando dos seus debuxos #LaBossaIIustra.

 

Outros DirectosQPC

Comentarios