Sábado. 08.08.2020
El tiempo

A cantautora Silvia Penide volve aos escenarios máis positiva que nunca e sacará un libro infantil a finais de ano.

A cantautora Silvia Penide volve aos escenarios máis positiva que nunca e sacará un libro infantil a finais de ano.

A autodidacta cantautora galega, Silvia Penide, criouse en Meicende e, aínda que dende hai algún tempo, A Coruña converteuse na súa casa, adora A Costa da Morte coa que lle une un vínculo moi especial pois foron pioneiros en abrirlle as portas á súa música. A súa coñecida capacidade para expresar e conectar co público a través de temas cotiáns do ser humano, levouna a participar na Semana Cultural Galega de Frankfurt hai uns anos e a labrarse unha polifacética carreira musical e artística.

Como tantos artistas, Silvia Penide, viuse afectada polo confinamento e a aparición do virus Covid-19, como nos contaba en QPC na singular experiencia coa enfermeira Alicia Barreiro. Toda unha aventura sen dúbida, que viviu coa única compañía do seu gato Ludovic. Dende o sofá da súa casa, novos proxectos e experiencias xestáronse e é, dende ese mesmo lugar, que concedeu esta entrevista a Alejandra Plaza.  

  • AP. Que é a música para Silvia Penide e cómo se converte na túa profesión?

SP. A música é unha vocación, unha chamada que sentes de nena que se vai convertendo nunha profesión a base de traballar, de estudar, de ir aprendendo, de estar no mercado porque fun moi autodidacta en moitas cousas. Tiven a gran sorte de rodearme sempre de boa xente que me mantén nesa aprendizaxe continua. Síntome como unha escaladora que vai subindo unha montaña e sempre atopa ás persoas xustas que me brindan a confianza para agarrarme e non caer. Traballei con varias discográficas. A día de hoxe estou con "El niño de la hipoteca récord" que me está axudando moitísimo.

  • AP. En España vivíronse tres meses confinados. Unha situación atípica para todos os afectados. Como o viviches ti?

SP. Pasei o confinamento no meu apartamento na Coruña coa única compañía do meu gato Ludovic. Ao principio, foi moi difícil e moi duro a nivel profesional e persoal pero tamén foi moi positivo porque serviu para reafirmarme que vivo como quero vivir. Son o que quero ser. Tamén escribín, compuxen cancións novas, maticei moitísimo algunhas cousas que quero facer a partir de agora en directo, lin moito, xurdiron varias iniciativas ás que lle puiden sacar partido como foi o caso das videocancións. Foi unha idea que un amigo cantautor e residente en Mallorca, Tom Trovador, me propuxo. Probei. Un día en facebook, escribín se alguén quería dedicar unha canción a alguén que me escribise e acabei vivindo unha experiencia marabillosa. Fixen unha chea de cancións dedicadas para peques, autoagasallos e tamén houbo moitas historias. A escritora Rosa Montero recibiu unha das miñas videocancións e compartiuna, xenerosamente, ás redes sociais polo que, o feedback, chegoume con gran intensidade de moitos lugares. Atopei a forma de traballar desde o meu sofá. É precioso. Agora que finalicei esa iniciativa e que terminou o confinamento, mirar ese sofá e ver cantas cousas saíron de aí é unha sensación moi gratificante.

 
  • AP. De que foma se viu afectada a túa carreira musical?

SP: A nivel laboral foi moi duro porque perdemos moito traballo de golpe. Nun só día quedei a dous meses vista sen traballo e iso nunca me pasara. Son previsora e tiña un plan B pero, neste caso, unha pandemia mundial, saíuse de toda posible previsión. Agora toca volver a remangarse e volver meter as mans na terra para sachar. Aínda así, estou contenta, motivada e positiva porque, desde o once de xullo, comezamos outra vez cos concertos, as actuacións e os ensaios. Quero pensar que todo ésto foi unha proba máis que nos pon a vida e temos que estar como sociedade e, todos xuntos, remangarse e remar no mesmo sentido. Creo moito na comunidade, en que a veciñanza sae reforzada con todo ésto, do mesmo xeito que o gremio artístico porque nos decatamos que a xente nos quere.

 
  • AP. Que nos ten preparado o futuro de Silvia Penide?

SP. En mente teño os concertos. Retomar a xira co meu último traballo "efecto boomerang". É unha das miñas prioridades. Quero volver cun proxecto que teño que se chama " feminino plural" onde todas as cancións son escritas por mulleres e seguir promocionando a muller como autora. Estou desexando volver tocar en bibliotecas, institutos, colexios porque aí é onde atopamos o noso espazo para traballar este proxecto. Doutra banda, moita oficina e moito escenario tamén. Parece que as datas empezan a saír. Por último, contarvos que, se todo sigue o seu curso, a finais de ano sacarei un libro para peques coa editorial Bululú. Chamarase "Diferentes diferenzas" e será ilustrado por unha persoa moi especial, Emilio Urberuaga, quen deu vida a Manolito Gafotas. É un libro no que avogo polas diferenzas, saen unha chea de amigos e amigas especiais que son moi diferentes pero que, ao mesmo tempo, é o que fai que sexan xeniais e encantadores.

 Silvia Penide Boomerang vertical

Novas relacionadas

comentarios