![O concello de Carballo achegará o mobiliario e os equipos necesarios para a posta en marcha da oficina do DNI]()
O concello de Carballo achegará o mobiliario e os equipos necesarios para a posta en marcha da oficina do DNI
Dentro de poucos meses xa non será necesario desprazarse á Coruña ou esperar a visita dunha unidade móbil para renovar o DNI. Isto será posible xa que o concello de Carballo vén de aprobar, na sesión plenaria celebrada o pasado luns, un acordo para ceder temporalmente o uso de parte das dependencias da casa do concello ao Ministerio do Interior - Policía Nacional -, para
crear unha unidade de estranxeiría e documentación que permitirá que os veciños e veciñas da comerca tramiten directamente en Carballo a renovación do DNI ou a expedición do pasaporte.
A cesión das oficinas, con entrada dende a rúa Cervantes, sería por un prazo de 15 anos e, ademais da cesión do espazo, o concello achegará o mobiliario e os equipos informáticos necesarios para a posta en marcha do servizo.
Outros acordos plenarios
Outro dos asuntos da orde do día foi a aprobación das actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. O importe total do plan é de 596.941,81 euros dos que o Concello achegará 37.252,08, mentres que o organismo provincial achega un empréstito de 559.689,73. Os proxectos de máis contía incluídos no PAI son as
reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte da capital municipal, cun custe de 211.158,49 euros no primeiro caso e de 220.530,67 no segundo. O PAI tamén recolle o proxecto para mellorar a capa de rodadura en Cances Grande, por 55.036,32 euros; e un proxecto para reparar rúas do casco urbano por 72.964,25 euros.
O acordo inclúe así mesmo a aprobación do plan Complementario, que recolle un proxecto para eliminar as barreiras arquitectónicas nos itinerarios peonís escolares do
Pedibús, por un importe de 143.579,52 euros. Neste caso o acordo saíu adiante co apoio dos votos do grupo de goberno e do PSOE e coa abstención de PP e TEGA. Por unanimidade aprobouse en cambio a conta de recadación de 2015 que no período voluntario supuxo a recadación de arredor de 8,5 millóns de euros, con valores pendentes de cobro por valor duns dous millóns de euros. Segundo o informe, en xeral, as porcentaxes de eficiencia dos servizos de recadación do Concello son moi elevadas, con niveles superiores ao 90 por cento na maioría dos casos.
No apartado de mocións apoiouse por unanimidade unha presentada polo PSOE na que insta á Xunta de Galicia a que siga programando durante o ano 2016 un plan especial e específico, de xeito inmediato, que dea resposta á demanda de todos os/as alumnos/as que queiran acceder á formación precisa par obter o carné de Manipulador de Produtos Fitosanitarios de Nivel Básico; e que siga adaptando este plan ás necesidades e especificidades dos/as alumnos/as facilitando o máximo permitido o acceso a dita formación. Quedou sobre da mesa, en cambio, a proposta presentada por TEGA na que solicita a gravación íntegra dos plenos da corporación así como das mesas de contratación en formato vídeo e que se desenvolvan os mecanismos necesarios para retransmitilos en directo, a través do web municipal, con servizo de transcrición e videoactas dixitais. A corporación esperará a que os servizos técnicos e xurídicos municipais se pronuncien sobre a proposta.