A Xunta destacou na piscifatoría de Stolt o bo estado de saúde da industria galega

Puxo de exemplo o grupo noruegués, líder en acuicultura terrestre de alta tecnoloxía, principal provedora de rodaballo e linguado que exporta preto do 60 por cento da súa produción. Conta cunha capacidade de produción anual de 6.500 toneladas de rodaballo e 1.700 toneladas de linguado.
Fundada en Noruega en 1972, ten a súa sede en Santiago de Compostela e opera en cinco países con máis de 450 empregados e 14 granxas a nivel global. A metade delas, encóntrase en Galicia, cun total de sete granxas de cultivo de peixe plano situadas en diferentes zonas da costa galega onde traballan máis de 280 empregados: Cabo Vilán (Camariñas), Cervo (Lugo), Couso (Ribeira), Lira (Carnota), Merexo (Muxía), Palmeira (Ribeira) e Quilmas (Carnota), contabilizando máis de 280 empregados nestes centros de traballo.
A comitiva lembrou que se trata dunha empresa que promove un dos 14 proxectos industriais estratéxicos declarados pola Xunta. En concreto, prevé implantar en Rianxo (A Coruña) unha nova planta para a manipulación e envasado de peixe plano (rodaballo e linguado), que terá un investimento de 44 millóns de euros e xerará 173 postos de traballo directos.
O proxecto permitirá ampliar a capacidade de procesado e envasado que actualmente se centraliza na planta de Lira (Carnota), así como a automatización do procesado do rodaballo e linguado fresco que engorda nas granxas da empresa.