Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Carballo suma cinco novas obras de arte á súa galería ao aire libre

Carballo suma cinco novas obras de arte á súa galería ao aire libre
rexenera-fest-carballo-2018 Carballo acolleu do 23 ao 3 de xuño a cuarta edición do Rexenera Fest na que a arte urbana se misturou con outras actividades paralelas Masterclass, conferencias, música e arte urbana. O Rexenera Fest 2018 de Carballo vén de pechar unha nova edición, e xa van catro, deste festival que é xa máis ca un referente da cultura urbana en todo o país e que se desenvolveu entre o 23 de maio e o 3 de xuño. O festival pechouse cun roteiro polos murais que se pintaron este ano no que participaron medio centenar de persoas e que constataron o éxito desta iniciativa do concello de Carballo. Ao longo destes catro anos deixaron a súa pegada en Carballo un total de 24 artistas chegados de todas partes do mundo: Polonia, Arxentina, Italia, Portugal...; e tamén de numerosos puntos do territorio galego e nacional. Este ano o festival deixa obras de temáticas e técnicas moi diversas e tamén en lugares ben distintos da vila, reflectindo o traballo que durante máis de dez días encheu Carballo de guindastres e estadas. Cinco novas obras Con esta cuarta edición, Carballo suma cinco novas obras de arte urbana loitando desta peculiar forma contra o feísmo. A primeira en rematar foi a arxentina Milu Correch que reinterpretou o concepto da meiga galega a través de dúas mulleres que botan un esconxuro na rúa Vila de Laxe. Aínda que cambiou o deseño sobre a marcha, foi a primeira en rematar unha imaxe monumental e con mulleres moi realistas e cheas de vida. lula-goce-rua-igrexa A galega Lula Goce deixou a súa pegada na rúa da Igrexa cun mural protagonizado por unha figura feminina A seguinte foi a galega Lula Goce, cun dos murais máis admirados pola veciñanza no que aparece unha figura feminina que expresa os sentimentos do seu corazón e a súa loita interna a través de figuras mitolóxicas inspiradas na Grecia antiga. O arxentino Bosoletti mudou un edificio na avenida da Cristina coa imaxe dunha muller núa, unha virxe conectada coa pedra e a fertilidade da cultura galega. O clasicismo da súa obra impresiona pola sinxeleza e o uso predominante do branco, cunha técnica moi particular que lembra o sfumato pictórico co que fai xurdir os detalles desta figura feminina similar a unha estatua de mármore. bosoletti-rexenera-fest-carballo O mural do arxentino Bosoletti, situado na avenida da Cristina, é unha das máis chamativas desta edición Daniel Muñoz SAN, pola súa banda, chegou dende Cáceres para actuar na rúa Alfredo Brañas. A súa obra é a máis apegada a Carballo porque reflicte, precisamente, imaxes da vila. Son cinco reproducións en clave de polaroid de rúas carballesas próximas á rúa Alfredo Brañas nas que hai o que se coñece comunmente como unha “pintada”. Os taboleiros de madeira situados na parede e que cobren as fotografías tapan precisamente esas pintadas nas que aparecen frases e palabras tan ao chou como “Batman”, “Te espero dentro” ou “Chorís Crew”. O autor convida á veciñanza a que busque eses lugares e esas “pintadas” como un xogo e como unha homenaxe ás orixes da arte urbana. Por último, hai que mencionar o traballo da lucense Doa na rúa Río a través do seu proxecto “Reforestando”, no que axuda a que o reino verde da natureza recupere o espazo perdido. En Carballo decidiu plasmar no mural a Herba de nosa señora ou Artemisa vulgaris, unha das plantas do San Xoán que, ademais de estar conectada a Carballo porque é o seu patrón, tamén ten propiedades medicinais. Outras actividades As actividades paralelas do Rexenera Fest tamén gañan adeptos cada ano, como coa masterclass de Spok sobre o manexo do aerosol que deixou novas obras na base dos depósitos de auga da vila e que fixo que o artista, que non o tiña previsto, decidira agasallar a Carballo cunha obra súa na antiga estación de autobuses; ou co interesante seminario do experto Javier Abarca sobre as claves para entender a arte urbana e seguir afondando neste fenómeno que xa está por case cada recuncho de Carballo. Un ano máis o Fórum Carballo acolleu un ciclo de microconferencias no que participaron o xa mencionado Javier Abarca, a lucense Doa para expoñer as claves do seu proxecto “Reforestando”, ou o colectivo Cestola na Cachola, que xa ten participado no proxecto global de arte urbana carballés Derrubando Muros con pintura. Unha iniciativa sobre a conservación da arte urbana da Universidade de Vigo tamén tivo o seu espazo nas conferencias. roteiro-rexenera-fest-2018 Medio centenar de persoas participaron no roteiro que pechou a cuarta edición do Rexenera Fest de Carballo Como xa é tradicional, o Rexenera Fest pechou con dúas citas ben distintas. O sábado pola noite cun concerto no exterior do Fórum Carballo para que a arte e a música dean a man. E o domingo pola tarde cun percorrido polos murais do festival, de todos os anos pero nomeadamente dos de este, que xa forman parte da historia de Carballo. Medio centenar de persoas desafiaron a ameaza de choiva para coñecer mellor o museo carballés e aprender máis sobre as motivacións, as temáticas e as técnicas da arte urbana. Unha ruta que pechou no mural de Milu Correch con aplausos.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

       

Comentarios