O GDR Costa da Morte entrega os premios "Tierra de Oportunidades"

O centro sociocultural de Baio acolleu na mañá do pasado sábado a Asamblea Xeral Ordinaria da Asociación Costa da Morte GDR na que se trataron varios asuntos. Un dos puntos máis salientables da orde do día foi a a aprobación das contas anuais do exercicio 2024. Logo de expoñerse o balance e a conta de perdas e ganancias, estas foron validadas e aprobadas por unanimidade dos presentes. O excedente do exercicio de 2024 ascende á cantidade de 6.871,28 € e o total de activo e pasivo recolle un importe de 112.761,33 €.
Por outra parte, no último punto da orde do día, levouse a cabo a cerimonia de entrega dos Premios “Tierra de Oportunidades”, onde se recoñeceron os catro proxectos máis destacados no marco da convocatoria de 2025 desta iniciativa, desenvolta pola entidade CaixaBank no marco do seu programa de Acción Social coa colaboración do GDR Costa da Morte, co obxectivo de apoiar aos proxectos que contribúen ao desenvolvemento sostible, á innovación e á dinamización do medio rural.
Durante o acto, que contou coa presenza de representantes institucionais, membros do tribunal de selección e as persoas premiadas e os seus acompañantes, recoñeceuse o talento emprendedor destes proxectos que apostan pola creación de valor no territorio, a sustentabilidade e a fixación de poboación.
Os proxectos premiados na edición 2025 foron os seguintes:
- “Casa da Marola” (Zas) — promovido por Delfina Varela Castro, unha iniciativa que se destacou no apartado de “Crecemento e novas oportunidades no rural”.
- “Lar de Canedo” (Carnota) — proxecto da empresa O Caseiro Inversións, SL, destacado pola súa contribución ao “Dinamismo e vida na aldea”.
- “Espazo Nature” (Razo – Carballo) — promovido por Espazo Nature Retreat, SL, en recoñecemento ao seu proxecto de “Turismo sostible e responsable”.
- “La Despensa D´Lujo” (Coristanco) — da empresa La Despensa D Lujo, SL, destacada no apartado “Produto de calidade e innovación”.
As catro iniciativas seleccionadas en Costa da Morte recibiron un premio de 1.000 euros cada unha e mediante esta distinción tamén acceden directamente á fase nacional do programa “Tierra de Oportunidades” de CaixaBank organizada en colaboración coa empresa social “Rural Talent”, onde optarán a novos recoñecementos.
Durante a entrega dos premios, o Presidente do Grupo destacou que estes proxectos demostran que o rural está cheo de ideas, talento e futuro, e que con apoio, colaboración e visibilidade poden converterse en motores de cambio real.