Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Claves feministas para unha Soberanía Alimentaria, este venres en Carballo

Claves feministas para unha Soberanía Alimentaria, este venres en Carballo
O Pazo da Cultura de Carballo acollerá este venres  a xornada “Mulleres construíndo soberanía alimentaria”, unha iniciativa levada a cabo pola Asociación Labregas que forma parte da campaña que está a desenvolver en colaboración coa Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego para reivindicar a recuperación e o intercambio de variedades autóctonas de sementes, ademais de revitalizar o patrimonio hortícola e froiteiro de Galicia. O encontro, que se celebrará a partir das 18.00 horas e no que poderá participar todo tipo de público interesado, comezará coa intervención da secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que será a encargada de presentar ás participantes. Todas elas son mulleres que están a desenvolver proxectos empresariais pioneiros no sector agrario. É o caso de Sabela Facal, que nestes momentos está somerxida nunha experiencia avícola ecolóxica, pero que xa ten impulsado outras coma O Forno das Candeas ou O Sequeiro da Portela. Con ela estarán María Pardo Barbeito, horticultora ligada dende nena á loita das Encrobas e que se enfrontou a nivel persoal contra a contaminación da central térmica de Meirama; Vanessa Puente e María Chouciño, que traballan con plantas aromáticas, e Lucía Lorenzo, da Casa dos Caseiros, que tamén se dedica á horta e comercializa parte da súa produción a través de Internet.

Comentarios