Comeza a campaña de vacinación contra a gripe

08:15 20/10/15
É xa un clásico que por estas datas comece a campaña de vacinación contra a gripe nos centros de saúde da Costa da Morte e do resto da comunidade. Aínda que no primeiro día da campaña non se detectou unha afluencia importante de xente nos centros de saúde espérase que dentro de quince días se rexistren maiores aglomeracións. Por este motivo, e co fin de garantir a vacina, o Sergas obriga aos pacentes a pedir cita no seu centro sanitario correspondente.
Os principais destinatarios desta vacina son as persoas maiores de 60 anos, enfermos crónicos, as embarazadas e o persoal sanitario.
En total, a consellería de Sanidade distribuirá unhas 530.000 vacinas antigripais investindo máis de 1.898.000 euros. Esta campaña preventiva ten como obxectivo minimizar o impacto da gripe na saúde dos pacentes xa que segundo indican dende Sanidade, "durante a campaña de incidencia desta enfermidade morren máis galegos por gripe que en accidentes de tráfico". Así, na campaña da gripe 2013-2014 morreron en Galicia 45 persoas a causa desta enfermidade, mentres que no mesmo período, perderon a vida nas estradas galegas un total de 23 persoas.
A campaña de vacinación remata o 19 de decembro de 2015.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)