Confirman a eficacia da campaña de trampeo de velutina ao reducírense nun 75% os niños retirados
Hai un mes remataba a temporada de trampeo da vespa velutina coa impresionante cifra de 10.546 raíñas capturadas. E parece que a campaña serviu, pois a estas alturas do ano o servizo municipal de control de pragas leva retirados 18 niños primarios, fronte aos 74 do ano anterior. Nesta redución de máis do 75% poderían influír varios factores, coma o tempo, pero, sen dúbida, a masiva campaña de trampeo, con centos de colaboradores, tamén é un deles.
En maio foron retirados 9 niños e en xuño, outros tantos: 2 en Rus, 3 en Carballo, 1 en Cances, 2 en Sofán e 1 en Artes. As avespas asiáticas escolleron alpendres, lavadoiros e mesmo un cadro eléctrico para construílos.
Lembran que as persoas que localicen un niño poden dar aviso ao 112 ou ao 012 para que se poñan en contacto co servizo municipal de control de pragas, que se encargará da súa retirada nun prazo máximo de 48 horas.