A Deputación informa aos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte sobre o proxecto piloto da Axenda Urbana a Oficina Next Generation

Xuntanza esta mañá de martes na Casa da Cultura de Cee entre a Deputación e alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos concellos da Costa da Morte para abordar a implementación dun proxecto piloto de Axenda Urbana na Costa da Morte e de como adaptala á contorna na que debe desenvolverse, así como para dar a coñecer os servizos que ofrece aos municipios a nova oficina Next Generation creada pola Deputación e con sede física no Concello da Capela.
A Axenda Urbana é un documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano.
Durante a reunión púxose de manifesto que os municipios que comprende a Costa da Morte contan cunha forte tradición de colaboración, cooperación e participación público–privada no que se refire a planificación estratéxica, aspecto que avala aínda máis a súa idoneidade como territorio piloto para a elaboración dun Plan de Acción da Axenda Urbana que sirva de referencia para outras áreas similares.
Persoal especializado explicou o funcionamento dos Fondos Next, os diferentes tipos de estratexias a definir, así como as distintas convocatorias abertas ás que os concellos poderían optar.