Venres. 26.04.2024
El tiempo

Ese xesto tan íntimo*

Ese xesto tan íntimo*
perruqueria-cadro Este é un exercicio para a activación, con certa imaxinación política, dun espazo inmensamente cotián pero de pouco brillo e, ás veces, incluso algo denostado. Intentar pensalo como a continuación o vou a facer, non se me ocorreu nunca vivindo na cidade da que proveño, unha cidade máis ben grande. Desde que vivo nunha pequena vila sorpréndome pensando lugares comúns entre ambos, lugares cuxo funcionamento non é rechamante nin alberga potencia na gran escala dunha cidade e que, con todo, re-dimensionados dentro dunha pequena comunidade poden transformarse completamente. A miña especialidade profesional é o "coñecemento curatorial", o cal supón, que me pregunto constantemente e por defecto por como se organizan as cousas, que lles dá sentido, como é que acabaron sendo como son e como poderían transformarse. Entre os obxectivos que me propoño para este pequeno espazo de escritura e reflexión no fin da terra, un deles, pasa por permitirme pensar as cousas malia como se supón que son e un pouco máis aló do tópico "así son as cousas". Xa que logo, en liña co mencionado, hoxe quero invitarnos a imaxinar as "peluquerías" situadas en contextos de comunidades pequenas como lugares conscientes de celebración do feminino. Xa sei que isto non é exactamente así e, por iso dicía, que vou permitirme pensar as cousas malia como se supoñen que son. Pensalas xuntos neste artigo poida que minimice o camiño a percorrer para lograr que todo o persoal feminino que se destila neses lugares poida imaxinarse tamén con certa intención política. Si nos contextos máis rurais, ou menos urbanos, o bar segue aínda sendo o lugar por excelencia do masculino, poderiamos pasar por pensar que as"peluquerías" que poboan a paisaxe galega tanto como o fan os bares, puidesen converterse no lugar por excelencia do feminino. En certo xeito, en xeral, os salóns de peiteado son terreo tramado máis por elas que por eles, e máis aínda, nos contextos pequenos. Tramar algo non implica soamente, cuchichear, cotillear ou criticar [1]. Cun pouco de dose de imaxinación ou, quizais tan só con realismo e cun aumento de conciencia sobre algunhas das cousas que xa acontecen nas "peluquerías", estes espazos poderían celebrarse como un xeito de coñecerse: de intercambiar distintas visións e experiencias, relatar de onde vimos, ou as traxectorias de cada unha; de construír vínculos, de compartir contos de vida e, á vez, ser lugares onde reconfortarse e renovar o espírito. Lugares de escoita e de apoio. Nisto, non se nos esqueza, tamén consiste tramar [2]. En realidade, e de feito, este tipo de trama máis complexa xa sucede dalgún xeito, só que non lle damos valor nin prestamos atención á súa riqueza. É máis, nalgúns casos, destruímos a potencia coa que poderiamos encher as "peluquerías", obsesionándonos tan só por tramar a secas. Se o pensamos un pouco, o masculino "activou e regulou" o bar á súa medida. As estéticas, as poses, os horarios, as conversacións do día a día, o fútbol, os ritmos, etc. Se o pensamos tamén un pouco, o feminino modelou comparativamente os salóns de peiteado: os cheiros, os masajes, o relax... só que nin tomamos nota para dicírnolo a nós mesmas, nin tampouco aos demais, como de costume!. Seguro que nos fixamos todas neste detalle: á que entra un home na "peluquería" do noso pobo entrégase aos nosos códigos máis femininos. Por moito que tan só queira o corte de Ronaldo, ou o de toda a vida, peitearse ou arranxarse o pelo esta sempre ligado a ritos de iniciación na condición de muller. El sábeo, instintivamente, e nótaselle segundo entra. De feito, hai a algúns que o momento entrada, incomódalles; dá igual si son maiores ou adolescentes. Agora ben, os/as hai tamén que gozan sendo a mirada de todas as atencións. E os/as hai que entran, fan a trama ou o trámite sen moito miramiento e ata a próxima cita ou ata a próxima copa. Xa sexa porque as mulleres son as que se afixeron a levar o pelo longo ou a peitealo de distintos xeitos e con distintos utensilios. Xa sexa por tradición, socialización, inconsciente colectivo... xa sexa por... o caso é que -como di a teórica feminista Bell Hooks no seu texto Alisando nuestro pelo [3] - “ese gesto tan íntimo en el que se sueltan las barreras entre la identidad de una y el mundo para luego ser rehechas”; iso que se fai tantas veces ao entrar na "peluquería", ese xesto tan íntimo que nós repetimos unha e outra vez, ese xesto é máis noso que deles. Bell Hooks abre os matices dese xesto cando relata o seu recordo do ritual levado a cabo entre mulleres ao arranxarse o pelo na súa familia. Di así: Para cada unha de nós, o que nos planchen o pelo é un ritual importante. [...] É un signo do noso desexo de ser mulleres. É un xesto que di que nos estamos achegando á condición de muller [...] Antes de que alcancemos a idade apropiada, usamos trenzas, trenzas que son símbolos da nosa inocencia, a nosa mocidade, a nosa niñez. Entón, as mans que separan, peitean e trenzan confórtannos, a intimidade e a dita confórtannos. Hai unha intimidade máis profunda na cociña os sábados cando se plancha o cabelo, cando se fríe peixe, cando se pasan roldas de sodas, cando a música soul flota sobre a conversación. É un tempo sen homes. É un tempo cando traballamos como mulleres para satisfacer unas as necesidades das outras, para facernos sentir ben interiormente unhas a outras, un tempo de risa e de tremenda conversación [4]. Non sería a primeira vez que ao xeito se lle atribúe valor político. As mulleres negras - como apunta Hooks nese mesmo texto- reveláronse nos 60 contra a opresión branca deixando o seu pelo natural, sen alisar. Pola mesma época, a estética hippie do pelo descoidado era un modo de mostrar a transgresión contra a autoridade. Ou os cortes de pelo cos que moito antes, nos anos 20, as mulleres reivindicaron o seu dereito á igualdade de xénero dando lugar á estética "dandy" en favor dunha imaxe de muller emancipada. Aínda que hoxe a moda ensombrezca toda expresión quitándolle o fuelle ao radical que foron algunhas estéticas, o espazo onde primordialmente mulleres -e tamén homes- soltamos as barreiras entre a identidade dunha e o mundo debería de ter a súa importancia. Dita importancia crece nos contextos pequenos si reparamos que o que se senta ao meu lado pasa de ser un ninguén na cidade a ser o meu veciño no pobo. Xusto por isto paréceme aos salóns de peiteado un espazo cotián sobre o que poñer a atención. Mirado así, debería de coidarse coma se fosen pequenos tesouros dos nosos lugares de vida, de vida, especialmente feminina. De feito, si atendemos á historia máis recente o seu valor, con énfasis no feminino, cobra aínda máis forza dado que a "peluquería" vén sendo un espazo onde a muller libérase temporalmente de toda obrigación cotiá: do coidado dos nenos, da familia, a comida, o traballo na oficina ou das tarefas da casa. É máis, a "peluquería" é o lugar onde ela é coidada física e emocionalmente. Onde non atendemos senón que somos atendidas. É un espazo fóra da vida privada onde todo o noso esmero de coquetería cotiá pode relaxarse e deixarse facer. Onde podemos vernos feas e ademais dicilo para logo recibir auxilio cariñosamente. Percorrín boa parte de Galicia e aínda que non mirei os números reais poñería a miña man no lume a que esta terra é a que conta coa maior concentración de "peluquerías" da xeografía española. Tamén o foi no que se refire a bruxas, ou meigas, como aquí se di. Para o meu esta coincidencia é moi simbólica. Quizais o lector a atope forzada pero quero recordar que, como sinalaba ao principio, este é un exercicio de re-activación de espazos cotiáns con certa imaxinación política, co que ademais me propoño transformar o que "son as cousas". Entre as teorías que intentan razoar as accións inquisitorias de outrora contra as bruxas, hai algunhas que din que estas foron instrumentais á construción dunha orde patriarcal. Estas accións estaban pensadas para que os corpos das mulleres fosen colocados baixo o control do Estado e transformados en recursos económicos. Baixo esta perspectiva, as cazas de bruxas foron un intento de eliminación de calquera forma xeneralizada de comportamento feminino [5]. A imaxe da bruxa, afortunadamente, volveu a recuperarse nos ámbitos máis espirituais como símbolo da sabedoría da muller madura [6]. Tamén a recuperou o activismo feminista [7]. Por iso quizais non me custe pensar as "peluquerías" galegas, nos contextos onde habitan comunidades pequenas -onde uns e outros se coñecen e onde o bar segue sendo aínda o espazo por excelencia do masculino- como lugares complementarios para a recuperación e celebración dese "xesto tan íntimo e á vez tan político". Do feminino, das bruxas, das mulleres sabias. Onde outrora houbo tantas meigas hoxe resulta que hai tantas"peluquerías".   * Quero dedicarlle esta artigo a Fanny, “peluquera” nun pequeno pobo da Costa da Morte.   [0] Segundo a RAG "peluquería" non é válida, mais é a voz común entre os falantes. Os correctos son "salón de peiteado" ou "barbaría", pero parece que non aquí non proceden, sobre todo este segundo. [1] Segundo a RAE tramar é: Dispoñer ou preparar con astucia ou dolo un enredo, engano ou traizón. [2] Segundo a RAE, tramar tamén se refire a: Dispoñer con habilidade a execución de calquera cousa complicada ou difícil.// Atravesar os fíos da trama por entre os da urdimbre, para tecer algunha tea.// Dito das árbores, especialmente do olivo: florecer. [3] Hooks, B., (2005). Alisando nuestro pelo. La Gaceta de Cuba, xaneiro-febreiro 2005, non1, pp. 70-73 [4] Ibid. [5] Federici, S., (2010). Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo ey acumulación originaria. Ed: Traficantes de Sueño. [6] Gray, M., (2010). Luna Roja. Ed: Gaia Ediciones [7] W.I.T.C.H., (2015). Conspiración Terrorista Internacional de las Mulleres del Infierno. Comunicados y hechizos. A. Felguera editores  
  • María Bella, membro do grupo de investigación “Curatorial Knowledge” na Universidade de Goldsmith de Londres. Algúns dos proxectos nos que ten desenvolto a súa práctica curatorial son intermediae.es ou www.itinerariosdelsonido.es.

Artigos de María Bella en QPC

 

Comentarios