luns. 15.06.2026
El tiempo

O GDR Costa da Morte convoca os I Premios empresariais "Terra Atlántica"

terraatlantica
O GDR Costa da Morte convoca os I Premios empresariais "Terra Atlántica"

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte vén de lanzar a primeira edición dos Premios Costa da Morte Terra Atlántica, unha iniciativa creada para recoñecer e dar visibilidade ás empresas que contribúen a fortalecer a identidade territorial da Costa da Morte a través da innovación, a sostibilidade e o compromiso co territorio.

Os galardóns nacen coa vontade de converterse nun referente para o tecido empresarial da comarca, destacando aqueles proxectos que apostan pola valorización dos recursos locais e polo desenvolvemento económico e social da Costa da Morte. A participación estará reservada ás empresas adheridas á marca territorial Costa da Morte Terra Atlántica, impulsada polo GDR Costa da Morte.

As candidaturas poderán presentarse desde o 12 de xuño ata o 14 de xullo de 2026 a través da páxina web oficial da marca. As empresas participantes deberán explicar a súa actividade, o seu vínculo co territorio e o uso que realizan da marca Costa da Morte Terra Atlántica.

Os premios estruturaranse en catro categorías:

  • Turismo
  • Agroalimentación
  • Cultura e Artesanía
  • Industria e Servizos

A selección das empresas gañadoras realizarase mediante un sistema mixto que combinará a valoración dun xurado profesional coa participación cidadá. O xurado terá un peso do 70 % na puntuación final, mentres que a votación pública representará o 30 % restante.
Durante o mes de xullo, unha comisión interna seleccionará entre tres e cinco finalistas por categoría. Posteriormente, durante o mes de agosto, abrirase a fase de votación pública e o xurado realizará a avaliación técnica das candidaturas.
As empresas gañadoras recibirán un trofeo artesanal, un diploma acreditativo e unha importante difusión a través das canles oficiais da marca. A gala de entrega dos premios celebrarase durante o último semestre de 2026 nun acto que reunirá representantes institucionais, empresariais e sociais
do territorio.

Comentarios