Sábado. 02.03.2024
El tiempo

Íntegro conmemorou o Día da Diversidade con actividades para os máis cativos en Ponteceso e Carballo

Íntegro conmemorou o Día da Diversidade con actividades para os máis cativos
Unha das actividades realizadas por Íntegro polo Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional.
Íntegro conmemorou o Día da Diversidade con actividades para os máis cativos en Ponteceso e Carballo

Reivindicativo e festivo. Así foi o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional para a asociación Íntegro. Este ano, a entidade quixo conmemorar esta data tan sinalada cun programa de actividades aberto a toda a cidadanía e, moi especialmente, aos máis cativos co obxectivo de involucralos e conciencialos sobre a importancia de lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria, inclusiva e diversa. A educación e o xogo foron as ferramentas elixidas para logralo.

A programación deu comezo a primeira hora da mañá coa celebración dunha xornada de convivencia con escolares, que se desenvolveu no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso. Arredor de 100 nenos e nenas, de 3º a 6º de educación primaria, participaron durante unha hora e media dunha experiencia única e moi enriquecedora que resultou ser un gran éxito debido á excelente combinación de xogo, aprendizaxe e diversión.

Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

Ao longo da mañá, as aulas do centro abriron as súas portas á diversidade e á inclusión a través da realización dalgúns dos obradoiros máis tradicionais (e máis agardados) pola cativada como o de realización de xabóns de glicerina ou bixutería, que levaron a cabo os alumnos de 5º e 6º curso. Estes últimos tamén se atreveron cun taller de robótica, no que puxeron a proba as súas habilidades coas últimas tecnoloxías. Mentres tanto, os estudantes de 3º tamén tiveron ocasión de innovar no obradoiro de experimentos que levaron a cabo coa axuda dos nosos usuarios e as súas monitoras. Por último, os máis pequenos, os de 3º, participaron nun concurso de debuxo, no que puxeron de manifesto as súas habilidades artísticas e creativas baixo o lema “Todos somos iguais”.

Espectáculo infantil con Mamá Cabra en Carballo

Os máis pequenos da casa foron xunto coas súas familias os protagonistas do acto central da xornada para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Diversidade. O espectáculo de Mamá Cabra “Contos para un mundo mellor”, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón encheu de música, aventuras e moitas risas a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, ateigada de público de primeira a última hora como era de esperar, xa que os convites para acudir ao acto esgotáronse o primeiro día.

Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

 A través do conto e da palabra, peques e maiores tiveron a oportunidade de achegarse á diversidade e  concienciarse sobre a necesidade de eliminar os prexuízos sociais que existen arredor das persoas con discapacidade. Logo dunha animada actuación,  todos os asistentes puideron desfrutar dunha deliciosa e saudable merenda a base de froita (e algún que outro doce) elaborada polos propios usuarios.

Comentarios