luns. 29.06.2026
El tiempo

O Interrogatorio de Leis con... Alberto Pose

Alberto Pose nunha das Galas de QPC
Alberto Pose nunha das Galas de QPC
O Interrogatorio de Leis con... Alberto Pose

O protagonista do regreso dos interrogatorios non só o é polas súas respostas, senón tamén porque foi quen máis insistiu en que volvese traer esta sección. Non lle gustou a negociación, xa que lle puxen unha condición que, de non cumprirse, rompería o noso acordo: tiña que ser un dos interrogados.

Aceptou de mala gana. Eu sabía de antemán que non lle gusta ser o centro de atención; coñézoo ben. Pero daría a súa vida polo seu QPC. Implícase moitísimo en todo o que fai, aínda que ás veces o acabe pasando mal, como con todo na vida. Sempre hai quen, por escuros motivos que non veñen o caso, move os fíos para impoñer a súa vontade, pero el sempre saca a súa mellor versión para saír adiante. Ás boas persoas sempre lles descansa mellor a conciencia e aquí o noso "prota" durme como un lirón.

Por todas estas razóns, alégrame moito que hoxe coñezades un pouco mellor a Don Alberto Luis Pose Gómez.

  • Se che digo Os Petóns, que me dis?

Os Petóns é historia da Unión Deportiva Cerqueda. O campo de fútbol donde todo empezou, o que hoxe é o Cerqueda, naceu nos Petóns. Para min, os Petóns son recordos de infancia, ver xogar os irmáns Ordóñez (Marcos, Alberto e David), Fariña, Alberto do Asturiano, Fernando (irmán de Míchel, actual presi do Cabaña) e por suposto a Javi Couto e Ángel aos mandos de todo ese traballo.

O mítico campo vello dos Petóns. Foto. Alberto Pose
O mítico campo vello dos Petóns. Foto. Alberto Pose

Pero falar dos Petóns é falar de ilusión e traballo colectivo para conseguir un soño: volver a ver o Cerqueda competir na Liga da Costa en categoría senior. E conseguiuse grazas ao traballo de todos: os David, Roque, Héctor, Oliver, Dani, José Luis...

Pero a nivel persoal, o recordo que sempre gardarei na miña cabeza é o día previo á presentación do equipo senior que devolvía o Cerqueda ao Fútbol da Costa. Esa tardiña, co campo empantanado para xogar contra o último equipo que xogara na costa, e que xogara unhas semis da Copa Costa contra o Malpica... Ese momento é único e irrepetible.

  • Chegaches a xogar no Cerqueda?

Non. Só xoguei varios partidos amigables. Xuntounos Javi e Ángel para facer un equipo de xuvenís e ao final non demos xuntado, así que fixeron un equipo de cadetes.

  • Que funcións desempeñaches no Club?

Vicepresidente con José Manuel Blanco e Roberto García, e despois traballo na base con Noelia e Dani.

  • Estarías disposto a voltar?

A miña etapa no club xa pasou. A vida persoal e profesional lévate por outros camiños e asumir responsabilidades incompatibles coa labor de directivo dun clube, unido a que eu vivo na Coruña, faríao se aínda máis difícil. Só en caso de que o clube desaparecese podería darse a posibilidade, pero a día de hoxe, coa estrutura que ten o clube, é case imposible que suceda.

  • Entre esas responsabilidades que asumiches está QPC, como e cando te embarcastes neste proxecto?

Chego a QPC da man de Óscar Santos, sobre o ano 2010-2011. Estareille eternamente agradecido por contar comigo para facer as crónicas da 3ª Futgal. Así empezou a miña historia con QPC ata o día de hoxe, que co permiso de Ubaldo síntoo como se fora meu.

Foron tantas e boas experiencias que vivín con QPC que podería escribir un libro. Pero á parte das experiencias, quédome con poder cumprir esas loucuras que Ubi, Óscar, Manuel Varela, Óscar Leis... tiñan na cabeza e ao final fixéronse realidade: Congreso Internacional de adestradores, álbum de cromos, galas, xornadas de formación, torneos solidarios, os combinados da Costa, debates... E seguiremos, claro.

equipo de traballo do primeiro album de cromos do Futbol da Costa
Alberto Pose, con Óscar Santos, Manuel Varela e Jorge Parri, no equipo de traballo do primeiro album de cromos do Fútbol da Costa na 2013/2014
  • QPC está dirixida por Ubaldo Cerqueiro, preséntallo a quen non o coñeza.

Buffff, é difícil presentar a un gran amigo, pero para min, falar de Ubaldo é falar dunha boa persoa, dunha amizade pura e sen ningún tipo de interese. Pídolle consello en moitas decisións que tomo, e sempre dá bos consellos. É unha persoa discreta, que evita os conflitos e que, se lle contas un segredo, vai á tumba con el.

Despois, a nivel profesional, temos que valorar moito o seu traballo: leva case 20 anos detrás da pantalla dándolle visibilidade a todo o que pasa na Costa da Morte. Repito, ten moito mérito.

Champi Muros con Equipo QPC Oscar leis Alberto Pose e Ubaldo Cerqueiro na Gala do Futbol da Costa de Corcubion
O Equipo QPC (Óscar Leis, Alberto Pose e Ubaldo Cerqueiro) con Champi Muros na Gala do Fútbol da Costa de Corcubión
  • Ese enorme traballo veuse recompensado estes días.

Pois si, un merecido premio que lle entregou a Deputación pola súa longa traxectoria empresarial, vertebrando para toda a Costa da Morte é en todos os ámbitos, non só por deixarse levar e acompañarnos nas nosas loucuras futbolísticas.

Alberto Pose con Ubaldo Cerqueiro recollendo o Premio PEL da Deputacion
Alberto Pose con Ubaldo Cerqueiro recollendo o Premio PEL da Deputación
  • Entre as túas moitas colaboracións está a Cadena Ser Radio Nordés, como é a túa experiencia con este medio?

Marabillosa, única, poder disfrutar da Copa da Costa desde outra perspectiva é espectacular. Compartir momentos con Fran, Josiño, Joselu,
Sieso, Italia, Óscar leis..... é irrepetible. Pero ollo, calquera opinión que fagas ou digas ten moita repercusión.

  • Por rematar o apartado QPC, detrás de cada gala, de cada álbum de cromos, detrás de cada evento organizado case sempre aparecen as críticas, ás veces construtivas e ás veces non. Como xestionas esa parte? Chegaches a pensar en deixalo?

Siiii, pensei en deixalo dúas veces, porque a verdade é que as críticas foron moi duras, ao persoal e para intentar desacreditar o traballo de QPC. Ademais non tiñan ningún tipo de argumento, pero bueno, entre todos conseguistedes que aquí sigamos. Aínda quedan moitos proxectos que facer para darlle visibilidade ao noso fútbol e territorio.

Alberto Pose nas Xornadas arbitral
Alberto Pose nas Xornadas arbitrais
  • Compartimos moito tempo en QPC como tamén o fixemos no seu día en algo que sei de primeira man que te emocionaba e o desfrutabas moitísimo: as Seleccións Comarcais da Costa. Que che aportou esa experiencia tanto no bo como no malo?

É certo, atinas de pleno. Foi unha experiencia TOP en todos os sentidos. Sabes perfectamente ata onde chegaba o meu grao de implicación no tema das seleccións, que sobrepasa e moito o meu cometido dentro da estrutura que comandaba Manolo Corredoira, que foi el quen me chamou para a causa. Desfrutei tanto pola experiencia de ver xogar os nenos da Costa ao máximo nivel, polas familias, pola xente que me acompañaba, por todo en xeral.

Seleccion da Costa sub 12 2018
Alberto Pose coa Seleccion da Costa sub12 en 2018

Pero de repente, todo cambia. Non contan comigo e aquí teño que meterte no saco: contigo tampouco. Non recibimos ningún tipo de explicacións e o meu nome empeza a soar como disidente ou inimigo da Federación, incluso algúns responsables federativos para desprestixiarme a min e fortalecerse eles e elas, cousa que non entendo, pero teño a conciencia moi tranquila.

Paseino moi mal, porque creo que eran inxustos comigo e tamén contigo. Todo este jaleo era porque, ante a situación de pandemia, nós propuxemos facer un grupo de traballo cos equipos da Costa para axudalos a saír da mellor maneira posible dela; o primeiro paso foi informar á propia Federación. Pero aí alguén tomou a decisión de apartarme e, se algo pasaba no Fútbol da Costa, era por culpa miña, ou se opinaba en Radio Nordés, a culpa de todo era miña.

Momentos moi duros, pero ao final sempre as augas volven polo seu cauce. A chamada de Pablo Prieto foi un alivio, sobre todo despois da reunión que tivemos. O diálogo a día de hoxe é fluído. Moito que agradecer a Pablo polo interese mostrado e polo seu talante conciliador, tan escaso neste mundo, e sobre todo por querer coñecernos en primeira persoa e non pola opinión de outra xente.

  • Deses momentos duros, que conclusións sacaches?

O potente que é o Fútbol da Costa, ten moita repercusión, e a boa xente que hai detrás del. Persoas traballadoras que fan un traballo brutal polo seu clube e polo fútbol. Pero tamén hai outras, poucas, que miran só por eles, pensando moito máis no individual que no colectivo.

  • Comparto contigo moitos eventos ilusionantes dos cales desfrutas moito, pero nunca che vin tan ilusionado como na etapa das Seleccións Comarcais. Estarías aberto a unha segunda etapa?

Bufffffff, non depende de min, pero no caso de darse, teriamos que falar e moito, non sería un si á primeira de cambio. Non por nada, simplemente polo que dixen antes: vivo na Coruña, teño unha familia, un fillo que compite cada fin de semana, o QPC e tamén algún proxecto persoal fóra do fútbol. Son moitas cousas, principalmente familiares.

E tamén tería que falar de como plantexar o formato da nosa selección; creo que necesita un cambio onde todos (tanto clubes, futbolistas, adestradores... ata a Federación) sairían beneficiados. Creo que as seleccións necesitan máis vida que un mes antes dos campionatos. E repito, sería positivo para todos.

  • Durante a pandemia, decateime de que a túa maior preocupación era como sairían dela os clubs costeiros. Desa preocupación xurdiu a idea de formar un grupo de traballo, onde xa tiñas perfiladas unha serie de accións para axudar ás directivas, que finalmente quedou polo camiño. Agora temos a Asociación de Clubs en funcionamento. Que futuro lle prevés a Asfacos?

É unha boa noticia que o fútbol costeiro teña unha asociación. O noso fútbol ten múltiples recursos que, se todos os clubes reman na mesma dirección, estou seguro de que ao final terán a súa recompensa. De momento non debemos valorar o seu traballo porque levan pouco tempo, temos que deixarlle máis marxe para facer unha valoración. Pero que xa conten cunha maioría de equipos é algo importante.

  • Entre todas esas ocupacións que mencionas, tamén está a túa implicación na vida política do teu concello, Malpica. Que papel desempeñas neste ámbito?

Pois agora mesmo tomo esta nova faceta con moita ilusión e responsabilidade. A política local é a que realmente pode cambiar a vida dos veciños. Unha política que, por certo, para min non ten cores: son persoas e proxectos. No meu caso, creo nun proxecto de cambio para Malpica que encabeza Walter e tamén está un bo amigo como Ángel; creo firmemente nese proxecto que precisa Malpica.

E niso estamos, colaborando en todo o que podo e aportando a miña visión de Concello. Estando en QPC teño a oportunidade de ver todos os concellos da contorna, como se xestionan, instalacións, conversar con técnicos e alcaldes... ou sexa, un máster.

  • Namorado do Fútbol da Costa, no corazón de QPC dende hai anos, implicado na mellora do teu municipio, vida laboral e persoal... De onde sacas o tempo?

Boa pregunta, a verdade que non o sei. Fago con gusto e creo que así é mellor de levar, e por suposto teño que nomear á miña muller, Cris. Non dou un paso adiante en nada sen que ela o saiba; axúdame moito e dáme moi bos consellos. Á veces son moi impulsivo, e dicir si a todo e a todos lévate a cometer erros e vivir malas experiencias. Co tempo, a experiencia e por suposto os erros, aprendín a valorar o proxecto e con quen vou no proxecto.

Alberto Pose nas Xornadas QPC en Zas
Alberto Pose nas Xornadas QPC 
  • Con QPC, a túa carreira é extensa tanto no fútbol como na política. Tes algún referente a seguir a nivel costeiro? Porque a nivel estatal, probablemente sexa mellor nin preguntar...

Xa dixen antes que creo na política local, porque é a única forma en que podemos cambiar de verdade a vida dos nosos veciños; a nivel estatal xogan noutra liga.

A nivel futbolístico, Ángel, ex-presi do Cerqueda, foi e será un referente polo seu traballo, compromiso desinteresado por un club a pesar das dificultades e trabas que se atopou e, por suposto, a lealdade a un club. Simplemente, grazas. Ángel está no PSOE en Malpica, traballando para mellorar Malpica; se el non estivera nese proxecto, creo que nunca daría o paso. Falar de Ángel é falar de seriedade e garantía de un bo traballo.

A nivel comarcal, no tema político téñoo moi claro: PEQUEÑO CASTRO, o que fixo en Dumbría é TOP. Na actualidade, Mónica en Vimianzo é para quitarse o sombreiro. A xestión do proxecto que ten Mato para Ponteceso, outro exemplo a seguir. Pero tamén Muiño en Cabana; falo del porque temos certas similitudes entre Concellos e el foi quen de darlle valor a aspectos básicos nun Concello que hoxe o fan ser referente.

  • Estar involucrado en tantas cousas acaba expoñéndote; aí é onde entran as críticas, algunhas construtivas pero moitas outras máis destrutivas. Na Gala do Fútbol da Costa está o tema das votacións; no álbum de cromos, que se é para enriquecerte; se aportas ideas para o fútbol da costa, que se é por usurpar o posto de alguén... e na vida política xa nin falemos. Como estás a levar isto?

Ben, a miña conciencia está moi tranquila, sempre o estivo. Pero é certo que tempos atrás xestionaba mal esas críticas porque basicamente eran mentiras e para fastidiar por envexas.

Na política aínda teño moito que aprender, pero tamén teño claro que se nalgún momento dou un paso máis en asumir un posto ou responsabilidade dentro do partido vou a estar exposto ás críticas, pero téñoo totalmente asumido e entendo perfectamente as críticas.

Eu dei varias ideas a nivel futbolístico, e teño que dicir que dúas delas foron collidas por outros e colgáronse a medalla. Non me importa, ao final quen mellorou foi o fútbol da costa. Por iso, agora procuro ser menos impulsivo con este tema, porque entre os que as collen e fanas propias, ou os que boicotean para que non saian adiante porque así QPC non colle protagonismo... pois alá eles.

Eu son unha persoa que acepta moi ben as críticas construtivas e sempre estou aberto ao diálogo para chegar a acordos, tanto a nivel deportivo como político ou en calquera outro ámbito. Igual nun espazo de tempo non moi afastado, e tras sacar adiante os proxectos que teño en mente, como che dixen máis dunha vez, terei que ir apartándome.

Se falamos moitas veces disto pero dubido que alguén coa túa involucración pense en apartarse, é máis, penso que xente como ti é necesaria en todos os ámbitos de servizo público.

  • Ademais de todo isto tes outras inquietudes: afeccionado ao ciclismo, apaixonado do hóckey, o Fútbol da Costa corre polas túas veas, seareiro do Deportivo de toda a vida... Case para pechar esta entrevista, vouche pedir que ordenes esas paixóns.

Imposible ordenar todo iso. O do hóckey é máis recente: o meu fillo xoga a el, e de verdade que me enganchou moitísimo. Estou aprendendo moito, sobre todo en tema de xestión de base, competicións e máis temas.

Pero se teño que elixir, é moiiií difícil. A verdade que non sabería dicirche, porque comparar unha etapa chaira do Tour cun partido do Depor, está claro que o Depor. Pero unha etapa de montaña... iso son palabras maiores. Iso si, se xoga o meu fillo, vou ao hóckey.

Penaltis

  1. Un futbolista: Gica Hagi

  2. Un ciclista: Miguel Indurain, ollo con Pogacar

  3. Un xogador de hóckey: Jacobo Copa

  4. Un lugar: Cerqueda

  5. Un soño: Bufff, teño moitos, algúns feitos realidade e outros por facerse aínda.

 

banner faro larino

O Interrogatorio de Leis

Comentarios