mércores. 01.07.2026
El tiempo

A Xunta destaca a labor das Redeiras de Corme como referentes na conservación dos oficios do mar e a innovación artesanal

Redeiras Illa da Estrela de Corme con Belen do Campo
A Xunta destaca a labor das Redeiras de Corme como referentes na conservación dos oficios do mar e a innovación artesanal

Son un dos grandes colectivos de redeiras de Galicia, das máis innovadoras, implicadas. Constituída no ano 2009, a asociación de redeiras Illa da estrela de Corme está integrada por socias procedentes de familias do mar, que compatibilizan o labor tradicional de reparación e confección de artes de pesca coa creación de novos produtos artesanais e coa difusión do patrimonio marítimo-pesqueiro galego.

Así llo quixo recoñecer a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, visitou a garita que as redeiras teñen no porto de Corme. Coa súa presidenta, Rosa Rodríguez, María Jesús Veiga (as dúa son as principais artesás) Docampo quixo destacar p exemplo de conservación dos oficios tradicionais e de adaptación da artesanía ás novas oportunidades de mercado. 

Redeiras Illa da Estrela-Rosa Rodriguez e Maria Jesus con Belen do Campo e Mato
Rosa Rodriguez, Maria Jesús Veiga, José Manuel Mato e Belén Docampo


A entidade de redeiras é un dos mellores exemplos do éxito do proxecto Enredadas, unha iniciativa promovida conxuntamente polas consellerías de Mar e de Economía e Industria desde o ano 2012, deseñada e coordinada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia para favorecer a diversificación profesional das redeiras e o desenvolvemento das zonas pesqueiras.

Partindo dos coñecementos tradicionais do oficio, o proxecto permitiu desenvolver unha metodoloxía de traballo propia, adaptada ás necesidades do colectivo de redeiras, apoiada nun amplo programa de formación especializada impartido por profesionais de diferentes ámbitos creativos e empresariais. Belén do Campo lembrou que Fundación Pública Artesanía de Galicia recibiu o Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía, grazas ao proxecto Enredadas, como exemplo de boas prácticas.

Ao longo destes anos, Enredadas favoreceu a colaboración das redeiras con profesionais e empresas de sectores tan diversos como a moda, o deseño, o mobiliario, a decoración, a bixutería, a fotografía, o escaparatismo ou a xestión comercial. Esta cooperación permitiu crear novas coleccións de complementos e pezas artesanais elaboradas con redes recicladas, combinando o respecto polo oficio tradicional coa incorporación de deseños contemporáneos e abrindo novas oportunidades de mercado.

No caso concreto da Asociación Illa da Estrela, esta evolución traduciuse tamén na colaboración con destacados deseñadores e firmas, así como na creación de produtos innovadores que achegan valor engadido ao traballo das redeiras e contribúen á xeración de ingresos complementarios para o colectivo.

Ademais, as redeiras de Corme participan de maneira habitual en feiras especializadas co apoio da Fundación Artesanía de Galicia. Precisamente, esta fin de semana, participarán na feira tradicional Corazón da Artesanía en Agolada. Nestes encontros amosan como é posible conservar os coñecementos herdados de xeración en xeración ao tempo que exploran todas as posibilidades creativas dos materiais empregados no seu traballo e adaptan os seus produtos ás demandas actuais do mercado.

A delegada tamén lembrou a colaboración mantida co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, do que a asociación de redeiras forma parte como representante do sector e co que leva anos impulsando iniciativas destinadas a dinamizar o territorio, promover a sustentabilidade e poñer en valor o papel das mulleres do mar.

Relevo xeracional

Afronta o colectivo un grave problema xeracional. As novas xeracións da vila non parecen interesadas en manter o legado, e os postos de traballo que deixarán, en breve, mulleres como Rosa, que está a piques de xubilarse, e que vai ser recoñecida como pregoeira da Festa do Percebe.

 

Comentarios