Venres. 17.05.2024
El tiempo

Investimentos financeiramente sostibles

Investimentos financeiramente sostibles
Informes IGAE No anterior artigo publicado neste espazo, resaltamos o bo comportamento das corporacións locais respecto do déficit. Pois ben, fi uns días, a Intervención General de la Administración del Estado difundiu os datos do primeiro semestre de 2016, que acreditan un superávit conxunto dos entes locais por importe de 1.096 millóns de euros (equivalente ao 0,10% do PIB), ratificándose esta favorable conxuntura. Debido a esta situación –supoñemos-, flexibilizouse a normativa que limitaba a posibilidade dos municipios para acometer obras con cargo aos excedentes de tesourería. Neste sentido, non convén esquecer o caso dalgúns dos nosos concellos, que carecendo de endebedamento financeiro, como Dumbría e Zas (sen débedas desde 2010), ou Muxía (sen endebedamento desde 2012) e Mazaricos (desde 2014), non podían destinar o remanente positivo obtido, no seu caso, a investimentos produtivos. Sen embargo, na actualidade, autorízase aos municipios solventes a executar obras, cunha vida útil mínima de 5 anos, sempre que afecten a melloras no alumeado público, recollida de lixo, sumidoiros e outros servizos básicos. É o que se coñece como investimentos financeiramente sostibles. Os municipios interesados deberán presentar unha memoria económica que indique a contía do remanente a utilizar, e na que se xustifiquen os efectos e consecuencias financeiras, a medio e longo prazo, da execución do proxecto, salvagardando o principio xeral de equilibrio orzamentario. En definitiva, permítese que determinados concellos, con baixos niveis de endebedamento, poidan aplicar parte do remanente de tesourería a efectuar ese tipo de investimentos, en vez de ter que destinar integramente e de forma obrigatoria o superávit a amortizar débeda, situación, certamente inxusta, que xa denunciamos nesta sección. Con todo, e recoñecendo que esta medida é certamente plausible, consideramos que debería abandonar o carácter excepcional. É momento de que se deixe de prorrogar esta disposición a través da Lei de orzamentos xerais do Estado para cada ano; porque así o xustifica a dinámica do conxunto das finanzas municipais; porque todos os veciños sabemos da necesidade de facer melloras nas maltreitas infraestruturas locais; e porque os aforros deben destinarse á optimizar as condicións de vida dos veciños en vez de a amortizar anticipadamente as débedas cos bancos.
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Novas relacionadas

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios