Domingo. 20.09.2020
El tiempo

Manu Nogueira: "A nosa idea é que nun futuro poidamos contar con moitas máis localizacións"

Manu Nogueira, alma máter de Orballo Cultural.
Manu Nogueira, alma máter de Orballo Cultural.
Manu Nogueira: "A nosa idea é que nun futuro poidamos contar con moitas máis localizacións"

Tal e como anunciabamos a semana pasada, o proxecto de Orballo Cultural comezou a súa andadura o sábado 25 de xullo con M-Clan en acústico en concerto. O ciclo musical, que conta cun total de 14 actuacións en lugares  tan emblemáticos como O Fórum de Carballo, O Parador da Costa da Morte en Muxía, O Semáforo en Fisterra ou o EcoMuseo Forno do Forte en Buño, é froito da idea do muxián, Manu Nogueira.

Xa coa experiencia como un dos promotores do festival Comarea Experience de Muxía, Nogueira desta vez decidiu apostar por un proxecto que mestura a música en directo de calidade con localizacións especiais nun entorno como é a Costa da Morte.

Segundo explica o muxián, esta “era unha idea que levaba rodando pola nosa cabeza dende hai xa tempo”. Unha proposta que ía ver a luz este ano e que o coronavirus non o impediu, pois a pesares das circunstancias, durante a corentena, Orballo Cultural foise xestando.

Debido á situación que estamos a vivir neste momento polo coronavirus, os eventos están obrigados a celebrarse cun aforo reducido, mais “nós xa consideramos que na Costa da Morte, este sería un formato ideal aínda que non estivésemos nesta situación. Na Costa somos un montón de concellos, pero concellos moi pequeniños, entón non ten moito sentido facer algo masificado porque sería ir en contra da nosa esencia”, afirma Nogueira.

Concerto de M-clan en carballoConcerto de M-clan en carballo -Fotos-Orballo Cultural

O confinamento foi algo que lles  proporcionou moi pouca marxe de manobra. Aínda así, o muxián afirma que a proposta tivo moi boa acollida tanto por parte da administración local de Carballo e Malpica, como pola xerencia do Parador e O Semáforo, que quedaron encantados coa idea, o que permitiu que o proxecto saíse adiante.

Por outro lado, varios apoios institucionais e privados, foron outro dos piares que axudaron levar a adiante a iniciativa. E, incluso, os propios artistas tamén foron moi colaborativos, pois “a verdade é que son conscientes de toda a situación e puxérono moi fácil. Cobran un caché adecuado ao aforo e ás marxes que temos”, asegura o muxián.

A cultura é esencial

Orballo Cultural nace para encher as históricas carencias musicais da Costa. “Na nosa zona, eu considero que sempre houbo unha carencia de oferta musical de calidade e nós por iso estamos buscando o noso oco”, comenta Nogueira.  Cunha programación excepcional nuns lugares únicos, Orballo promete ofrecer unha experiencia sen igual nun momento coma este.

Algo que para o muxián é primordial, pois “a cultura en si é algo esencial na nosa sociedade” confirma, mais xa non só a nivel persoal, senón tamén a nivel económico, ao xerar emprego directamente con todos os traballos necesarios para levar a cabo o evento, mais tamén indirectamente. “O outro día tivemos a M-Clan en Carballo. Moita xente da que veu non era de alí, era de arredores de Galicia. Entón, viñan, podían durmir nun hotel de Carballo, comer nun restaurante, coller un taxi.. É todo unha cadea”, indica Nogueira.

Para o muxián, este é un proxecto co que queren seguir nun futuro e se todo sae ben, intentar ofertar moitos máis concertos e máis localizacións en vindeiras edicións. “A nosa idea é que nun futuro poidamos contar con moitas máis localizacións e seguir avanzando con isto en moitos máis concellos da nosa zona”, comenta.

Concertos accesibles a todo o mundo

De momento, o ciclo non puido comezar mellor coa actuación de M-Clan en acústico no Fórum de Carballo. “Saíu todo moi ben, tiñamos un aforo de 200 persoas e enchémolo sen problema, a xente comportouse en todo momento facéndolle caso aos controladores e vixiantes de seguridade... Moi ben”, confirma Nogueira.

Durante o concerto (e tamén nos vindeiros) establecéronse e garantíronse todas as medidas de seguridade. “A xente ten que estar sentada, coa separación correspondente e con mascarilla obrigatoria, excepto cando vaian consumir unha bebida ou vaian fumar”, explica o muxián.

Agora, despois de M-clan e de estrearse no EcoMuseo Forno do Forte de Buño con outros dous concertos, por diante quedan outras 11 actuacións que se repartirán ao longo de todo agosto. Todas as entradas están xa dispoñibles para os concertos que, ademais de xa non ter un prezo moi elevado de por si, contan con varios packs para que poidan ser incluso máis económicas.

Ademais, Orballo está a colaborar coa Asociación Muxía Turismo Natural, coa que ofertan un 50% de desconto nos eventos aos comprar en establecementos adheridos. O mesmo ocorre coas Tendas de Olería e Obradoiros de Buño, que ofrecen un 50% de desconto nas entradas aso eventos coa compra superior a 20€, ou mesmo podería saír de balde facendo unha compra superior a 50€.

Uns prezos moi económicos que permiten dar acceso á cultura a todo aquel que o desexe. “Somos conscientes da situación na que estamos. Esta é unha crise moi grande que nos afecta a todos, entón tampouco queremos poñer uns prezos moi abusivos”, afirma Nogueira, quen, a pesares de que se trate dun “prezo simbólico”, tamén é necesario para valorar á cultura: “Detrás de todo isto hai un traballo, uns artistas que viven diso, e temos que valoralo”.

Programación orballo cultural

comentarios