Os murais de Azulexo de Lar exportan a Costa da Morte ao Grove
Seguen percorrendo mundo os murais de Azulexo de Lar. A colección creada polos centros educativos da Costa da Morte arredor dos naufraxios e da memoria mariñeira do noso litoral, na 9ª edición do certame, viaxa desta volta ata o Grove. Un fermoso xeito de espallar os tesouros da nosa comarca, facer promoción turística e amosar o bo traballo do noso alumnado neste singular proxecto transversal.
A exposición pode visitarse na Rúa Castelao e nace a raíz de conversas entre Suministros Lar e Prefabricados Dena, traballándose posteriormente xunto a Emgrobes (Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos) para levar este proxecto cultural ao corazón da vila.
Os murais recollen diferentes interpretacións artísticas realizadas polo alumnado participante, conectando historia, identidade atlántica, territorio e cultura a través da cerámica e da arte pública.
O proxecto Murales Azulexo Lar leva anos convertendo Galicia nun museo ao aire libre, poñendo en valor o traballo realizado polos centros educativos da Costa da Morte e achegando estas obras a diferentes puntos da comunidade.




