Novas normas na “nova normalidade”

As verbenas poden volver celebrarse con rigurosas normas

Como xa indicabamos no noso post anterior, entrar nesta "nova normalidade" non supón a fin das medidas de prevención e precaución. E tampouco é a fin dos nosos artigos!
Seguimos recordando que continúa o estado de crise sanitaria e, por tanto, debemos observar aínda unha serie de restricións.

Porén, e agora xa dende a Administración galega, estas medidas irán relaxándose mentres a situación epidemiolóxica siga a progresar favorablemente (e os posíbeis "rebrotes" sigan baixo control).

Pois ben, temos norma nova e temos instrucións novas: 

(Entrarán en vigor, algunhas delas no propio 27 de xuño, día da publicación do acordo; pero outras o 1 de xullo. Tede isto presente)

Trae novidades importantes.


Uso de máscaras

Refórzanse as normas sobre o seu uso.
 Así, indícase que son obrigatorias na rúa, e en calquera espazo ao aire libre. Tamén son obrigatorias en calquera espazo interior. 

Pero ollo, isto non supón ningún cambio con respecto ao réxime actual, pois a máscara é obrigatoria nos casos nos que non se poida manter a distancia de seguridade.
Por tanto, cando esta distancia estea garantida, podemos retirala (momentaneamente, claro). E, por suposto, tamén cando esteamos a desfrutar dunha terraza ou dun establecemento hostaleiro.


Novidades musicais

A nova norma inclúe mencións específicas para coros e orquestras.

Con respecto aos primeiros, reforza a obriga de manter a distancia, e recorda que o uso de máscaras, por incómodo que puidera resultar, é obrigatorio. Mesmo nos ensaios.

As bandas e orquestras deberán manter a distancia, e o uso de máscaras é obrigatorio. Pero, como non podía ser doutro xeito, vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento, poden retirar a máscara cando vaian intervir. 




Aumentos de cabida

Os albergues poderán incrementar capacidade ao 75% e tamén as actividades infantís e xuvenís incrementan até a mesma porcentaxe, con máximos no interior (150 persoas incluídxs xs monitores) e no exterior (250, tamén contando monitorxs).

Público en rallyes, eventos de atletismo, remo ou similares será dun máximo de 1.000 persoas (con distancia e máscaras); mais deberá obterse autorización municipal, e tamén autonómica.


Vai de baile!

As discotecas abren! (E tamén pubs, salas de festas e salas de concertos)
. Cunha capacidade de dous terzos, tanto en mesa como en barra, manténdose a distancia entre as persoas ou entre os grupos de persoas asistentes. Estes grupos non poderían ser maiores de 25 persoas.

As pistas de baile tamén abren, pero con límite: debe asegurarse a "dispoñibilidade" de tres metros cadrados por persoa que as use.
 Recordemos que, como non podía ser doutro modo, o uso de máscara é obrigado, para asistentes e para o persoal.

Os locais manterán un rexistro, que é voluntario, de números de teléfono de persoas asistentes; coa finalidade de permitir un seguimento de casos no caso de contaxios. Estes datos estarán sempre amparados pola normativa de protección de datos, e só poden usarse para comunicación coa Administración Sanitaria.

E... volven as verbenas!

As cifras máxicas son: 

    •    3 metros cadrados por persoa
    •    Se o terreo ten menos de 8.000 metros cadrados, máximo de 1.000 asistentes
    •    Se o terreo ten máis de 8.000 metros, 2.000 persoas no público.
    •    4 metros de distancia entre público e escenario.

(Estes números poderían sobrepasarse, mais só con autorización expresa da Dirección Xeral de Saúde Pública)

O uso de máscara é obrigatorio, como tamén o é a existencia de xel hidroalcólico no recinto.


Pois estas son as principais novidades das novas instrucións. 
Recordade que non son as únicas, e para maior detalle consultade o texto do Diario Oficial de Galicia.

 Estade atentxs a próximas novidades!
 E bo verán! Agora xa con festas... que sen elas non é verán.
 

Artigos explicativos de Miguel Vieito Villar