Luns. 26.10.2020
El tiempo

Saídas á rúa de menores de idade: seis datos que debemos ter presentes

O avogado e consultor Miguel Vieito Villar, natural de Bértoa (Carballo) quere ofrecer información útil sobre o estado de alarma á cidadanía, resolvendo as súas dúbidas ou achegando orientacións xerais. Neste momento de bulos e informacións difusas, é interesante coñecer información de primeira man.

frécese tamén para resolver dúbidas, que nos podedes enviar a [email protected] ou ao 63770489 e que lle trasladaremos.

Saídas á rúa de menores de idade: seis datos que debemos ter presentes

O baile de requisitos, condicións e normas para a saída dxs menores neste tempo de confinamento ten sido importante. Pasamos de saídas para menores de 12 anos, da consideración dos maiores de 14, a saídas só previstas para ir ao supermercado e a farmacia... o caos foi importante; o que contribúe a que o que sabemos, de certo, mude cada día.

Porén, esta mañá ven de se publicar finalmente a Orde Ministerial que regula as saídas, co que finalmente podemos coñecer os detalles das mesmas e é prudente partillar unha serie de datos que cómpre ter presentes á hora de saír coas crianzas.
(Podedes atopar aquí o texto íntegro da Orde no Boletín Oficial do Estado)
 

1.- Quen poderá saír?
Prevese que poidan facelo as persoas menores de 14 anos, acompañadas dunha persoa maior de 18 anos responsábel. Non ten porqué ser seu pai ou súa nai quen xs acompañe, pero si debe ser unha persoa que conviva cx menor (irmá, irmán, ou mesmo empregadx do fogar encargado do seu coidado).
A Orde pode resultar confusa no que respecta ás persoas de 14 anos cumpridos (emprega a fórmula “menores de 14 anos”). Por desgracia, o uso desta expresión exclúe a quen teña xa os 14. É dicir, o máximo de idade para estas saídas son os 13 anos cumpridos (e 364 días).
Cada persoa adulta poderá acompañar a un máximo de 3 crianzas. É moi importante recordar que xs menores con febre, síntomas ou que se atopen en corentena por ter contacto con persoas contaxiadas, non deben saír.


2.- Que medidas de protección son necesarias?
As principais son a distancia social e o lavado de mans. As crianzas non deberían xogar con outrxs nenxs, deberían manter a distancia con mascotas que atopen na rúa, e tamén con veciñxs que poidan cruzar no espazo público

O uso de máscaras non é obrigatorio. Porén, si é recomendado, especialmente se pode existir contacto con outras persoas.
A distancia social establécese neste caso nos dous metros.


3.- A onde se pode ir?
Ao espazo público que estea no radio de 1km dende a casa. Pode pasearse pola rúa, polas prazas e nos espazos verdes urbanos abertos. Se vivimos no rural, podemos pasear no monte ou no campo. (Nesta aplicación podemos ver que zona do mapa fica a 1 km da nosa casa)

Case é máis importante a onde non se pode ir: non se pode acudir a parques públicos ou espazos de xogo infantil, deberían evitarse espazos interiores (supermercados, farmacias e comercios) e non se deben aproveitar os paseos para facer visitas a amigxs e familiares.
Recordade que o Real Decreto 463/2020 xa indicaba, no seu artigo 7.2, que xs menores de 14 anos podían acompañar a unha persoa adulta aos desprazamentos permitidos (á compra, a un Centro de Saúde, a unha entidade bancaria...). Estas saídas seguen a estar permitidas.


4.- Canto se pode saír? Dende cando?
Unha hora, entre as 9 da mañá e as 9 da noite (de 9 a 21h). Non parece estar claro se debe ser un período continuado dunha hora ou poderá repartirse o tempo en varias saídas. No noso parecer, será só unha única saída, mais a Orde non aclara este punto.
E medida entrará en vigor o domingo 26 de abril ás 00:00h e durará todo o estado de alarma, así como as súas prórrogas (sempre que non se dite unha Orde en sentido contrario).


5.- Que se pode facer fóra?
Xogar, saltar, correr... e, sobre todo, respirar aire fresco despois dunha temporada, longa xa, de confinamento. Poden empregarse xoguetes propios, balóns e mesmo patinetes (a Orde non os menciona expresamente, mais coas cautelas axeitadas, indicadas no punto seguinte, entendemos que sería posíbel).
De novo, case o máis importante é o que non se pode facer. Como diciamos, non está dentro das medias que as crianzas poidan xogar con outras crianzas, e tampouco se poden empregar os xogos infantís nos parques (tobogáns, columpios...).


6.- Que consellos debemos seguir antes e despois de saír?
É importante mantermos as medidas que xa coñecemos presentes para estas saídas. 

Sería óptimo lavar as mans antes de saírmos da casa e é esencial que procuremos que as crianzas manteñan a distancia de seguridade.
 
Xa que parecen poder xogar cos seus xoguetes fóra, sería positivo lavar as mans novamente ao chegar á casa, e mesmo limpar ou desinfectar estes xoguetes, por precaución. Ao mesmo tempo, sería positivo intentar que non toquen a cara e que non leven as cousas á boca.

Con respecto á roupa e o calzado, a medida máis conservadora sería que procuremos lavar a roupa e deixar o calzado na porta. 
Porén, parece moi pouco probábel que exista contacto co virus mantendo as medidas de distancia, e os indicios científico-técnicos ao respecto non  nos falan de datos que nos teñan que alarmar sobre a roupa e o calzado. 

  • Miguel Vieito Villar. Avogado en exercicio e consultor. @MiguelVieito

Novas relacionadas

 

comentarios