Martes. 07.07.2020
El tiempo

Ten moito de nova, pero non tanto de “normalidade”. Benvidxs á última fase

Ten moito de nova, pero non tanto de “normalidade”. Benvidxs á última fase

Após o Decreto do Presidente da Xunta esta fin de semana, inauguraremos ás 00:00h do luns 15 de xuño a chamada "nova normalidade", e seremos o primeiro territorio do Estado en facelo.


Implica isto que xa rematou todo e que xa saímos da pandemia? NON! 
O noso país segue en estado de emerxencia sanitaria, e non debemos esquecernos disto. Non estraguemos agora a fráxil estabilidade que temos conseguido, cunha evolución en positivo dos datos epidemiolóxicos.

Este novo período é en realidade unha fase máis, só que non ten unha duración concreta prevista. Este novo período durará o tempo abonda até que sexa posta en disposición unha vacina, ou unha terapia efectiva e con solvencia científica suficiente; isto é,  até que o Goberno Central dea por finalizada a declaración de crise sanitaria.

Neste sentido, a distancia social (recordade que agora é de 1,5m e non de 2) e o uso de máscara son medidas que se manterán até novo aviso. E o mesmo ocorrerá con outras moitas limitacións e prevencións.

 Outro factor a recordar é a referencia do Goberno galego con respecto ás medidas.
 A diferencia doutras fases, nesta xogaremos co BOE por unha banda, e co DOGA por outra (velaquí a norma estatal de referencia; e aquí a norma galega); mais cun protagonismo progresivamente maior deste último.

Aclarado todo iso, veña, imos a polas novidades que estrearemos dende o luns.


Aumento de capacidades (ou o imperio do 75%)

Se algo caracteriza á nova normalidade é o aumento do número persoas permitidas en eventos, edificios e celebracións. 

Así, nos velorios poderanse xuntar 60 persoas en espazos abertos, e 30 en espazos interiores.

En centros comerciais subimos ao 75% de capacidade dentro dos locais, cun 50% nas zonas comúns.

Bares, hoteis, restaurantes e aloxamentos turísticos pasan igualmente ao 75%, cun 80% nas terrazas. E esta mesma porcentaxe rexerá para os mercados Municipais.

Museos, piscinas e recintos deportivos soben tamén ao 75, con límite en 300 persoas en espazos interiores e 1.000 en aberto; e os cines, teatros, auditorios e circos quedan tamén nesa cifra máxica do 75%.


Novidades "de verdade"

E logo... todo isto da "nova normalidade" é só un baile de números? 
Pois non exactamente. 

Xs nenxs recuperan os parques infantís! Sempre que sexa ao aire libre. Tamén poden volver as pistas de skate e parques bio-saludábeis.

Esquecemos os números nas xuntanzas familiares, que poden celebrarse con independencia das persoas asistentes.

Volverán paulatinamente tamén as actividades presenciais na formación profesional e tamén nos obradoiros de emprego.

A Xunta restrinxe, con respecto ao réxime estatal, o uso de discotecas e lugares de lecer nocturno. Namentres o BOE permitía abrir o interior ao 30% (e así volo contamos no artigo sobre a Fase III), só poderán abrir no país as terrazas destes establecementos.

E cal será o seguinte paso?

A regulación da Xunta publicada onte establece que a partir do 1 de xullo poderán tomarse medidas adicionais, e que afectarán ao lecer nocturno, ás festas e verbenas e ás celebracións infantís.

Se a situación epidemiolóxica segue a evolucionar favorabelmente, veremos novidades no final de xuño e/ou inicios de xullo. Do mesmo xeito, nos meses posteriores deberemos estar atentos ás medidas que o Goberno galego vaia poñendo en marcha; e das que vos daremos boa conta.

Por último, recordemos que esta “nova normalidade” só se aplica á Galiza. Por tanto, non poderemos movernos a outras Comunidades Autónomas do Estado polo de agora. 
Temos que agardar á fin do estado de alarma no conxunto do Estado para poder facelo (en principio acontecerá o día 21 de xuño).

Unha “pequena” trampa

Que de pequena ten pouco.

Ter superado a Fase III fai que a Galiza saia das medidas do estado de alarma (pois así o indica o artigo 5 do derradeiro Real Decreto de prórroga). 

E isto ten cousas boas, pero non perdamos de vista que tamén coloca varios puntos preocupantes, pois cesan varias das medidas extraordinarias que podían beneficiar a colectivos especialmente vulnerábeis, como aquelas que prevían a garantía de subministro eléctrico ou de enerxía nos fogares.

 Tanto é así, que a Xunta vén de anunciar medidas adicionais para intentar paliar os efectos máis pernicioso deste abandono das medidas do estado de alarma.
 

Artigos explicativos de Miguel Vieito Villar

comentarios