O bo tempo obriga a suspender a queimas agrícolas e forestais
08:08 11/04/17
As queimas de restos agrícolas e forestais quedan prohibidas en toda a comunidade a partir de hoxe e ata novo aviso, tendo en conta as condicións actuais de vento e as previsións para os vindeiros días. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa - Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais - prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde mañá non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Medio Rural